Internet e o espectáculo da polarización das ideas

Na era de internet, a Web 2.0 e a xeneración constante de información, as funcións e disfuncións dos medios de comunicación masivos tradicionais perden valor en mans do individuo que elixe a información á que se expón e que transmite. Polo que hoxe non vale a pena falar tanto de funcións dos medios como de funcións da información. Canto maior é o fluxo da información máis relativa é a credibilidade dos medios de comunicación tradicionais, unha credibilidade que no seu día, pola súa propia natureza como medio masivo, non coñecía mácula. Esta información, ademáis, agora non desaparece tras completarse o proceso comunicativo, permanece na rede sen necesidade dun soporte físico concreto como sería o caso dun libro ou un rolo de película. Por iso, a información emitida a internet, coma se dunha hemeroteca abstracta tratásese, ten un potencial de recepción case ilimitado, unha cantidade de contido inconcebible na que a mensaxe, e non o emisor nin o medio, é o que exerce unha función para o receptor.

Eu traballaba nas recomendacións de Youtube. Preocúpame que un algoritmo no que eu traballei estea a aumentar a polarización na sociedade. Pero desde o punto de vista do tempo de visualización, a polarización é totalmente eficiente para manter á xente conectada.

Guillaume Chaslot (ex-enxeñeiro en YouTube)

» Continuar a ler:

En internet, en especial nas redes sociais, as ideas –ou os argumentos que as apoian– a nivel funcional non son diferentes dun virus. Ao compartir unha idea nas redes esta contáxiase a todas as persoas que están expostas a ela, quen, se a idea obtén unha resposta emocional, compártena á súa vez; e así sucesivamente. As ideas que disparan unha resposta emocional máis forte e son máis susceptibles de ser compartidas son, por esta orde, a ira e o medo. Por outra banda unha idea ao ser compartida é susceptible de ser modificada ou reinterpretada pola persoa que a comparte, algo moi común en internet e nas relacións sociais en xeral. Se estes cambios exaltan dita resposta emocional a idea sigue sendo compartida e continúa evolucionando; sen embargo, cando hai un acordo ou un punto en común sobre un tema non se sigue falando diso e a idea morre.

Noutras palabras, se existen dúas ideas opostas que abren un debate, e este xenera respostas emocionais suficientemente intensas, estas ideas permanecen. Por outra banda que haxa un debate non implica de forma inherente un conflito, pero do mesmo xeito, a ira axuda a visibilizarlo. Canto máis airado é un debate maior proxección atopa, o que arrastra a máis actores a tomar parte; así as dúas ideas enfrontadas alcanzan unha proxección moito maior do que o farían por si soas, nunha especie de simbiose. Este fenómeno non é algo alleo ás empresas tecnolóxicas, que progresivamente redeseñan as súas ferramentas para fomentalo, e conseguir un maior uso das mesmas.

Isto no noso día a día na vida real non ocorre, xa que os roles que tomamos na web non son os mesmos que tomamos na nosa vida diaria cos nosos amigos e coñecidos. Se en internet debatemos cun descoñecido, ao rexeitar sistematicamente a súa postura tamén rexeitamos a súa persoa. Isto débese a que o noso comportamento varía ao tratarse de realidades sociais distintas; por exemplo podo estar a discutir coa miña familia sobre o cambio climático e os coches eléctricos. Se alguén saca a colación o absurdo de ter un coche eléctrico, xa que a metade das emisións prodúcense na fabricación de calquera vehículo, seguramente teríamos unha discusión na que eu defendería a súa fabricación, pero nalgún punto dese contexto molestaríame en verificalo. Isto é algo que en internet, ironicamente, sería máis remiso a facer xa que se trata de dúas realidades sociais distintas. O outro xeneralizado pérdese na cacofonía.

Neste caso en concreto podemos asumir que o meu concepto de “coche eléctrico” ten un valor simbólico. Pódese dicir que até ese momento a miña exposición ao concepto convertérao nun símbolo de progreso e respeito polo medio ambiente. Sen embargo tras a aceptación da nova información sobre o custe en emisións da súa fabricación, non podo deixar de pensar que este valor simbólico fora xerado en virtude de intereses de terceiros. Isto entraría dentro dunha concepción da realidade na que eu “sabía” que os coches eléctricos son unha solución obxectiva de cara a un problema global, unha concepción que do mesmo xeito que fora aceitada e defendida por min, sigue sendo aceitada polos demais. Pero esta concepción non ten por que estar atada a intereses alleos, nin sequera ten por qué xerarse cun propósito.

No seu deconstructivismo Jacques Derrida afirmaba que todas as palabras teñen implicacións subxectivas atadas á experiencia individual que leva a que a interpretación de textos e ideas estea necesariamente vinculada á subxectividade. Se falamos dun obxecto podemos destilar un acordo entre as nosas dúas concepcións dese obxecto, sen embargo para cada un de nós ten unha significación distinta, podendo mesmo xerar unha resposta emocional propia e única. Esta resposta emocional intensifícase se sacamos á palestra conceitos máis abstractos ou ideoloxías, pois ao carecer dunha funcionalidade pragmática que acordar coa outra parte, a nosa resposta será puramente subxectiva; canto máis subxectiva é esta resposta, máis emocional é a réplica. Así tendemos a evitar de forma natural unha confrontación pragmática, o que lle dá aos debates en internet unha dimensión practicamente endogámica. Porque aínda que as ideas necesiten dunha oposición para ser persistentes, en internet o debate non ten por que darse, xa que o habitual nas redes sociais é que sigamos a persoas afíns aos nosos gustos e ideas. 

Cando despois se enfrontan nun debate dúas posicións previamente fraguadas nesta cámara de eco, provócase unha retroalimentación en ambas partes, onde cada unha se limita a expor á outra baixo a lente do ridículo, radicalizando unhas ideas xa de por si corruptas na súa evolución cara á persistencia. Esta polarización radical das ideas súmase a un ambiente xeneral de desconfianza cara ás institucións e os poderes fácticos detrás do veo. Vaia, que cando se trata de feitos concretos -e non de ideas- non hai consenso.

É un conxunto de factores que achegan paulatinamente a posta en práctica de propostas como a da Comisión Federal de Comunicacións (FCC) de Estados Unidos en 2017, para acabar coa neutralidade en internet; ou a cyber-balkanization (ou splinternet), unha internet dividida nunha serie de intranets sometidas ao escrutinio de nacións soberanas de cara a xestionar e controlar o tráfico na rede. Un modelo xa asumido por China e existente, en menor medida, en diversos países.

Ao fin, coma se unha perspectiva cínica e abstraída da realidade dominase as súas mentes, un exército de moralistas escúdanse no cálido abrazo da afinidade ideolóxica para vestirse de rebeldes, nunha deconstrucción absoluta de todo salvo de si mesmos, no que só é outra máscara para ocultar o absolutismo máis autoritario. Xornalistas cínicos ridículamente parciais baixo a bandeira da incorrección política e a liberdade de expresión que desinforman e moldean ao seu público de forma sistemática. Que as redes se convirtan nun espectáculo a gusto do consumidor que só pode elixir entre dous pratos excluíntes non parece un desenvolvemento inadecuado na era da información e a computación binaria.

*Imaxen de Miguel Brieva

This entry was posted in Ferramentas teóricas, Reflexión e análise. Bookmark the permalink.