Como puidemos chegar a isto?
Como comentamos no post anterior, o venres 5 de febreiro ficou aprobada no parlamento galego a modificación da lei de Saúde de Galicia (tamén coñecida como Lei Feijoo ou Lei Auschwitz). Esta lei, supostamente lexisla a posibilidade de que as autoridades sanitarias (conceito que tamén se ve ampliado) podan obrigar á cidadanía a tratamentos ou vacinacións que consideren, e podan exercer “compulsión sobre as persoas” e “intervención sobre as cousas”. Asimesmo fala de centros de internamento específicos para quen se salte a corentena. Dicimos supostamente porque hai quen cre que o Parlamento galego non pode lexislar en realidade todas ou algunha destas cuestións, por opoñerse á normativas de rango superior.
Non reforzan a sanidade, fomentan o control social por parte dos cidadáns.
De todos xeitos, aí está a lei, que tampouco contempla ningunha medida preventiva para atallar a crise sanitaria, nin condiciona estas cuestións á declaración dun Estado de alarma ou semellante. Isto último fai que se finalmente se demostra como válida, esta reforma implicaría que as “novas” autoridades sanitarias poderían limitar os dereitos fundamentais en calquera momento.
A modificación da Lei de Saúde aprobouse sen ningún tipo de protesta ou denuncia por parte da esquerda. A única mobilización en contra da que temos noticia a 8 de febreiro é a de “Policías por la libertad”. Todo un oxímoron que hasta ahora non fixera acto de presenza en Galiza, e mira por onde, escolleu este momento. Voltamos ver como a única resposta ao estado de excepción permanente no que nos achamos ven dunha “oposición” adornada con banderitas de españa, que se centra en reclamar os “dereitos individuais” e en “reactivar a economía”… E digo eu, non será que para manter á esquerda á distancia, os propios medios están reforzando este tipo de movementos para facer asumir que toda crítica ven da dereita? Deste xeito xa non teñen máis que facer para desmobilizar completamente a unha esquerda extraparlamentaria xa moi feble e carente de criterio propio…
» Continuar a ler:
Porque a esquerda xa se acostumou ao silencio obediente ante os toques de queda, ante a presenza da policía nos institutos, ante a imposibilidade de facer deporte ao aire libre sen mascarilla, … Todos os días vemos ao noso redor como se dictan corentenas en ausencia de síntomas ante un positivo dun test PCR controvertido (sobre o cal a mesma OMS declarou recentemente que non se podía diagnosticar Covid en base a un só positivo). Ou mesmo aínda que os tests dean negativo, se tuveches contacto cun positivo tocan 10 días de corentena. De verdade chegamos a fiarnos tanto dos especialistas e expertos do estado?
Por que non hai unha resposta de clase a estas medidas arbitrarias? Semella que a resposta maioritaria desde a esquerda e os ámbitos libertarios, aínda que con algunhas importantes excepcións, é o silencio. Como mirando para outro lado mentres se agarda a que pase todo. Está a esquerda satisfeita co Pan e Circo dos ERTEs e o entretemento dixital? Caiu nas trampas retórica do poder? Ou é que xa non existe? Realmente pensamos que unha emerxencia sanitaria pode solucionarse aplicando restriccións que sempre van ser sufridas en maior medida polas clases traballadoras e excluidas?
Mentres, nese silencio, asúmese a interpretación que o poder fai dos feitos: que hai unha pandemia descontrolada porque a poboación non cumple as restriccións.
Pois ben, consideramos que é unha responsabilidade social ter en conta ante esta versión dos feitos qué é o que está facendo quen xestiona o sistema público de saúde, no que a esquerda silenciosa se supón que está depositando a súa confianza. Porque nin desde o Goberno nin desde a Xunta se está actuando para reforzar o sistema sanitario (e completamos o apuntado aquí e aquí):
– A pesar das coñecidas carencias de persoal da sanidade pública galega, o SERGAS contratou menos persoal no 2020 que no 2019. A nivel estatal tampouco se fixo nada para facer convocatorias extraordinarias de emprego con condicións laborais dignas. É coñecida a precariedade do seitor, xa desde antes da pandemia, no que se encadean contratos lixo durante anos, ou no que se rexistran un grande número de baixas por depresión ou tensión a causa da saturación endémica.
– Non se derogaron as leis que permiten o desmantelamento e privatización da sanidade pública (15/97 y artículo 90 LGS), que continúan avanzando aínda neste contexto.
– Estanse dando casos de subcontratación de instalacións e servizos da sanidade privada a prezo de ouro
– Non se rescatou nada do que xa se privatizara nas décadas anteriores
– Máis de 27.000 persoas maiores morreron entre abril e xuño nas residencias privadas (según Sanidade), ante a pasividade das administacións, que non as incautaron en ningún momento. Isto deberíanos levar a sinalar as responsabilidades penais de xestores e gobernantes sobre esta grande cantidade de mortes.
– Non interviñeron recursos – persoal ou instalacións – da sanidade privada, nin da industria farmacéutica, nin das empresas fabricantes de material necesario como respiradores, equipo de protección individual ou máscaras para poñelos ao servizo das necesidades da poboación.
– Os gobernos autonómicos, coa complicidade do goberno central, fixeron posible que todo o financiamento adicional que se dispuxo para a sanidade acabase en mans de empresas privadas (Ribeira Saúde, Indra, Telefónica, Pascual, etc), mediante a subcontratación de servizos diversos.
– Non se adoptou medida algunha que obrigase a gobernos autonómicos e municipais á mellora do transporte público nas grandes cidades para evitar as aglomeracións, os mellores caldos de cultivo para a transmisión do Covid 19.
– Non se paralizaron os desafiuzamentos, como medidas para garantir a vivenda e a posibilidade dun confinamento digno.
– Rexeitáronse máis do 60% das solicitudes do Ingreso Mínimo Vital que conseguiron chegar á fin do labirinto burocrático que supón a súa demanda.
Pese a todas as “historias de terror” que contan os medios empresariais sobre como “algúns negacionistas incumpren as restriccións”, é difícil pensar unha situación na que a poboación asumira voluntariamente tantas dificultades como estamos facendo e se comportara a nivel xeral tan responsablemente. Pero tamén é normal, vainos na pel. E se non dimensionábamos adecuadamente o perigo na primavera pasada, agora é difícil non facelo. Pola outra banda, vemos o que se fixo desde o Estado: manter o rumbo de desinversión na sanidade e o modelo que permite a súa privatización. Polo que sen mudar esta situación non cremos que máis restriccións vaian redundar nun maior control da pandemia nin unha mellora da saúde pública.
Pero, mesmo independentemente disto, pensamos que a esquerda e o anarquismo deberían ter claro que por principio unha situación así non pode pasar pola restricción permanente dos dereitos das persoas. Porque isto só favorece unha maior intromisión do aparello burocrático nas nosas vidas. Para, coa excusa da “saúde pública”, levarnos polo rego que máis lle conveña ao Estado e ao Capital. Hoxe ese é o rego do medo, da confusión, da dependencia, da atomización social. Pero tamén o da reestructuración social, de toda a reconfiguración que se está facendo a conta do virus: da actividade económica, dos horarios, do control, da obediencia, da austeridade.
E por outra banda, a coacción. Para botar balóns fóra e disimular a inacción estatal. Sen necesidade de que sexa obrigatoria, comezamos a palpar ao noso redor a coacción para vacinarnos (co que as autoridades decidan) se queremos manter o posto de traballo. Con substancias sobre a que ninguén en todo o planeta ten ningunha información das súas implicacións a longo prazo… Qué pasará se se lles canta por facelo obrigatorio? Ou nos tratamentos… pensemos no remdesivir, medicamento comprado amplamente polos estados durante os primeiros 6 meses da pandemia, sobre o que despois se revelou que non reducía a mortalidade. Pero, ah, o que non dixeron é que era seguro que tiña efectos adversos, e non leves precisamente Que pasa se ás “autoridades sanitarias” se lles canta con obrigarnos a tratarnos cun “novo remdesivir”?
Non se poñen coas medidas necesarias na sanidade pública, mentres a nivel social recortan os dereitos máis básicos, en moitos casos de xeito arbitrario. De que vai isto?
Todo o que comentamos, sumado a unha situación xa de por si difícil, pensamos que está facendo estragos na nosa saúde mental, e retroalimentando a pasividade. Está claro que a pandemia tamén nos cargou cun maior nivel de estrés que nos dificulta que lle podamos seguir os pasos ao que está acontecendo, pero tamén é hora de baixarse da burra e recoñecer que igual nos equivocamos nalgo: non toda crítica ao estado de excepción ven da dereita, e é totalmente necesario e urxente elaborar un discurso amplo de esquerdas sobre esta realidade.
Do outro lado temos aos “negacionistas”, como se denomina a unha amalgama de movementos “apolíticos” dispares, que oscilan entre xente afín á naturopatía, youtubers, dereitistas, e persoas descontentas que non atopan noutro lugar un cuestionamento das incongruencias que ven. En realidade é difícil atopar nesta altura alguén que negue a existencia do virus, aínda que si que se atopen cuestionamentos -ao noso parecer sans- da magnitude real dunha emerxencia sanitaria xestionada desde o escurantismo. Pode haber unha certa homoxeneidade de clase en torno a certos segmentos da pequena burguesía empobrecidos pola pandemia, pero só ao poder lle pode interesar meter a todo o mundo no mesmo saco. Destes sectores, os medios oficiais confeccionaron unha imaxe a medida para estimular na poboación ese medo aos “contaxiadores descontrolados” e policializar a sociedade.
Aínda que é certo que a dereita está aproveitando moi activamente as numerosas canles de información ás que nos poderíamos referir co termo “negacionista”, isto non quere dicir que a maioría da súa composición social escore á dereita. Hoxe por hoxe, quen teña maior capacidade de “emisión de información” remata por tirar do discurso para o seu lado, e parece que non nos decatamos de que a dereita nos últimos tempos comprendeu isto moi ben, e antes da pandemia xa estaba ben preparada. O silencio das esquerdas non fixo máis que poñerllo en bandexa.
A maioría das persoas que acuden a estes medios para informarse son persoas ás que simplemente non lles resulta coerente o que están vendo: uns medios maioritarios totalmente censurados que só falan de termos confusos (casos, contaxios…), e aportan unha versión moi distorsionada da realidade, baseada nas políticas sanitarias do estado: os medicamentos e vacinas milagreiros das multinacionais. Dase, como observa o veterano situacionista Giangranco Sanguinetti, toda unha “militarización da información”, para o “estricto respeito da doutrina sanitaria”. Tamén en moitos casos se evidenciou que se estaba magnificando o colapso sanitario desde os medios, o cal naturalmente remata de espertar a desconfianza.
Mentres tanto os medios de esquerdas toman un dirscurso maioritariamente acrítico co poder e a arbitrariedade das súas medidas, por non mencionar a ausencia nas rúas. Aí entón queda un espazo para unha dereita tratando de buscar base social. Pero non só está ese factor.
Tamén está a propia dinámica dos medios dixitais, que favorece todo tipo de hipóteses “conspirativas”, a causa da adicción xeneralizada ao entretemento. E tamén a causa da priorización automática que fan estes novos medios de calquera información que resulte impactante.
Pero aínda poderíamos engadir un outro factor: ao poder interésalle presentar como inimigo un boneco de barro denostado pola esquerda (o seu inimigo real). Entón, nos medios validados polo sistema (e isto inclúe tamén algúns dixitais) refórzase este suxeito apelando a él como o único “o outro lado” da súa verdade. E así espántase facilmente á esquerda. Ao fin, ante o bombardeo de críticas da situación “desde a dereita” (sexa isto real en todos os casos, ou percibido), os círculos que poderían lanzar críticas anticapitalistas da situación rematan por convertir en tabú eses temas, que se consideran patrimonio “de negacionistas”.
Hoxe a contrainsurxencia xoga nas redes. E basta tan só cun empuxonciño dos medios maioritarios a certas informacións para precipitarnos cara a unha incomprensión e inacción social nunca vistas nunhas circunstancias tan graves. E de volta as redes retroalimentan a incomprensión, pois tenden a polarizar as opinións (tende a difundirse máis o que provoca ira, medo, indignación, ridículo… contra “un outro”).
Pois pensamos que xa chegou. Isto estase poñendo perigoso demáis. O seguinte son brigadás policiais cidadás. É moita hora dun espertar da esquerda, e dunha alianza ampla.
»Ver tamén: A lei Feijoo – Unha lei sanitaria que mira “máis aló” [+PANFLETO]
»Leituras recomendadas:
–Coronavirus, crisis y confinamiento (VVAA)
–Reforzar las perspectivas antidesarrollistas para evitar el conspiracionismo