Elementos para unha crítica da burocracia – David Graeber (I)

Sobre funcionarios armados, tecnoloxía, e fusión do público-privado


“A lei de ferro do liberalismo dicta que toda reforma do mercado, toda iniciativa de goberno dirixida a reducir trámites burocráticos e impulsar as forzas do mercado terá, como efeito final, o aumento do número total de regulacións, a cantidade de papeleo e a cantidade total de burócratas que emprega o goberno.”1

Traducimos un texto de David Graeber, antropólogo e activista anarquista falecido o verán pasado. Pertence ao seu libro La utopía de las normas. De la tecnología, la estupidez y los secretos placeres de la burocracia, publicado orixinalmente en 2015. Facémolo coa intención de propiciar análises sobre o funcionamento da burocracia (tal e como era ata antes de onte). E chegar a mellores comprensións das dinámicas do poder no mundo post-pandémico, que necesariamente teñen que incorporar novas achegas sobre o devir “bioseguritario”. Pola súa extensión, imos dividilo en dúas entregas.

O Movimento pola Xustiza Global foi, ao seu xeito, o primeiro movemento esquerdista antiburocrático da era da burocratización total. Como tal, creo que ofrece importantes leccións a calquera que intente desenvolver unha crítica semellante:

1. Non subestime a importancia da violencia física

Os exércitos de policías altamente militarizados que aparecían para atacar a quen protestaban contra as cimeiras non eran ningún tipo de extraño efeito colateral da «globalización». Sempre que alguén comeza a falar do «libre mercado» é boa idea buscar pola volta ao tipo coa pistola. Nunca está lonxe. O liberalismo de libre mercado do século XIX correspondeuse coa invención das modernas policías e axencias de detetives privadas2, e gradualmente coa noción de que esa policía tiña cando menos a xurisdicción definitiva sobre todos os aspectos da vida urbana, desde a regulación da venda ambulante aos níveis de ruido das festas privadas, ou mesmo a resolución de amargas pelexas con cuñados violentos ou compañeiros de cuarto na Universidade. Hoxe en día estamos tan habituadxs á idea de que polo menos poderíamos chamar chamar á Policía para resolver virtualmente calquera circunstancia difícil, que a moitxs de nós cústanos imaxinar qué tería feito a xente antes de que isto fora posíbel. Porque en realidade, para a vasta maioría da xente ao longo da historia (mesmo quen vivían en grandes cidades) non había a quen chamar en tales circunstancias. Ou polo menos, ninguén tan impersoal e burocrático que, como a policía moderna, tuveran o poder de impoñer resolucións arbitrarias respaldados polo uso da forza.

» Continuar a ler:

Creo que é aquí posíbel engadir unha especie de corolario á lei de ferro do liberalismo. A historia revela que as políticas que favorecen ao «mercado» implicaron sempre máis xente en despachos para administrar cousas, pero tamén que hai un incremento na amplitude e intensidade das relacións sociais que rematan sendo reguladas, en última instancia pola ameaza da violencia. Isto, obviamente, contradice flagrantemente todo o que nos ensinaron sobre o mercado, pero se un observa o que realmente acontece, faise evidente. En certo sentido, chamar a isto “corolario” é enganoso, posto que en realidade estamos falando de dous xeitos diferentes de denominar o mesmo. A burocratización da vida cotiá implica a imposición de normas e regulacións impersoais; que, á súa vez, só poden funcionar se están respaldadas pola ameaza da forza3. Efectivamente, nesta fase recente da burocratización total vimos aparecer por todas partes (mesmo en lugares como parques infantís, escolas de primaria, campus universitarios, hospitais, bibliotecas, parques ou praias, lugares nos que vai cincuenta anos a súa presenza tería resultado escandalosa, ou sinxelamente inconcebíbel): cámaras de seguridade, policías en escúter, emisores de documentos de identificación temporais e homes e mulleres en distintos uniformes actuando a título público ou privado, entrenados en tácticas para ameazar, intimidar e, en definitiva, empregar violencia física.

Todo isto dase mentres os teóricos sociais siguen insistindo en que o recurso direto á forza bruta desempeña un papel cada vez menor no mantemento das estruturas de control social4. En realidade, cantos máis informes le un de estudantes universitarios reducidos con tásers por uso non autorizado da biblioteca, ou profesores de inglés encarcerados e acusados de delitos por cruzar imprudentemente unha rúa no campus, máis forte é a insistencia en que o que realmente importa son os tipos de poder simbólico sutil que analisan eses mesmos profesores. Cada vez máis está comezando a soar como o desesperado intento de negar que os mecanismos do poder podan ser tan crudos e simples como o demostra a experiencia cotiá.

Na miña Nova Iorque natal, observei a multiplicación infinita de sucursais bancarias. Cando era neno, as oficinas bancarias eran grandes edificios enteiros, habitualmente deseñados para parecer templos gregos ou romanos. Ao longo dos últimos trinta anos, abríronse sucursais dos mesmos tres ou catro bancos cada tres mazás, por así dicir, nas partes máis prósperas de Manhattan. Na Grande Nova Iorque hai hoxe en día miles delas, todas reemprazan unha tenda que noutrora ofrecía produtos e servizos dalgún tipo. En certo xeito son perfeitos símbolos da nosa era: tendas que venden a abstracción pura, caixas inmaculadas que conteñen pouco máis que tabiques de vidro e aceiro, pantallas de computador e seguridade armada. Definen á perfección a unión entre armas e información, posto que iso é, en realidade, o único que hai nelas. E esa unión proporcionou o marco para case todos os demáis aspectos das nosas vidas.


Cando pensamos nestes asuntos, adoitamos actuar como se todo isto fora sinxelamente un efeito da tecnoloxía. Este é un mundo movido polos computadores. Mesmo semella un computador. E, en efeito, todos estes novos vestíbulos de bancos gardan un sorprendente parecido á realidade virtual minimalista que abundaba nos videoxogos da década dos noventa. É coma se finalmente tuvéramos acadado a capacidade para facer que este tipo de virtualidades se materializase e, ao facelo, reducíramos as nosas vidas, tamén, a unha especie de videoxogo, conforme imos negociando os diferentes labirintos das novas burocracias. Como neses videoxogos, non se produce nada, sinxelamente é algo que xurde da nada, e pasamos as nosas vidas gañando puntos e evitando á xente que leva armas.

Pero esta sensación de que vivimos nun mundo creado por computadores é, en si mesma, unha ilusión. Crer que todo isto é o resultado inevitable do desenvolvemento tecnolóxico, máis que de forzas sociais e políticas, é un erro. Tamén neste caso, as leccións da “globalización”, que se supuña dalgún xeito creada por Internet, son dunha importancia crucial:

2. Non sobreestime a importancia da tecnoloxía como factor causal.

Do mesmo xeito que o que se deu en chamar “globalización” foi en realidade a creación de novos aliñamentos políticos, decisións en canto a políticas e novas burocracias (á que tan só despois lle seguiron tecnoloxías físicas como o transporte marítimo dentro de contentores ou Internet), de igual xeito a cada vez máis invasiva burocratización da vida cotiá posibilitada polos computadores non é, en si, consecuencia do desenvolvemento tecnolóxico. É máis ben ao revés. Sinxelamente, o cambio tecnolóxico non é unha variábel independente. A tecnoloxía avanzará, e moitas veces de maneiras sorprendentes e inesperadas. Pero a dirección xeral que tome dependerá de factores sociais. É fácil esquecer isto porque a nosa experiencia inmediata da burocratización cotiá está comletamente atrapada polas novas tecnoloxías (Facebook, operacións bancarias desde o smartphone, Amazon, PayPal, incontables dispositivos de man que reducen o mundo que nos arrodea a mapas, formas, códigos e gráficos). Aínda así, os aliñamentos chave que fixeron que todo isto fora posíbel son precisamente os que viñen describindo neste ensaio, e que tuveron lugar primeiro nas décadas dos setenta e os oitenta, coa alianza entre finanzas e burócratas corporativos, a nova cultura corporativa que surxiu dela e a súa habilidade para invadir os círculos educativo, científico e gubernamental de tal maneira que as burocracias privada e pública se fundiron finalmente nunha masa de papeleo deseñada para facilitar a extracción de riqueza. Isto non foi produto de novas tecnoloxías. Pola contra, a esas tecnoloxías custoulles décadas surxir. Nos anos setenta, os computadores eran ago semellante a un chiste. Bancos e gobernos estaban dispostos a poñelos en funcionamento, pero para a maioría dos afectados, eran a definición mesma da estupidez burocrática; cada vez que algo saía terribelmente mal, a reacción era poñer os ollos en branco e culpar a “algún computador”. Corenta anos despois e tras unha interminábel inversión en tecnoloxías da información, chegamos ao punto de que os tipos de computadores que empregan (e fornecen) os banqueiros son a nosa definición mesma de eficacia máxica e infalíbel.

Vexamos, por exemplo, o caixeiro automático. Nos últimos trinta anos non lembro nin unha soa vez que lle solicitara diñeiro e obtuvera unha cantidade incorreta. Nin fun capaz de atopar a ninguén a quen lle pasara. Isto é tan certo que, como consecuencia das eleccións presidenciais do 2000, cando se presentaban estatísticas ao público sobre o grao de erro do 2,8 por cento que se esperaba de tal tipo de máquina, ou do 1,5 por cento previsíbel de tal outro tipo, alguén tivo a temeridade de sinalar que nun país que se define a si mesmo como a democracia máis grande do mundo, na que as eleccións son o seu sacramento absoluto, parecemos dispostos a aceitar que as máquinas de voto automáticas contarán mal os votos, mentres que a diario se realizan centos de millóns de transaccións por caixeiro automático cunha porcentaxe de erro de case cero. Que di isto acerca do que realmente importa aos estadounidenses como nación?

A tecnoloxía financeira pasou de chiste común a algo tan fiábel que pode formar a coluna vertebral da nosa realidade social. Un non ten sequera que pensar en se o caixeiro lle entregará a cantidade correta de diñeiro. Se funciona, non cometerá un erro. Isto proporciona ás abstraccións financeiras un aire de total certeza (unha calidade de “estar disponíbeis”, en palabras de Martin Heidegger) dunha parte tan esencial da infraestrutura prática dos nosos proxetos e asuntos cotiáns que nunca temos a necesidade de pensar niso como algo en si mesmo. Entre tanto, infraestruturas físicas como estradas, escaleiras mecánicas, pontes e túneis do metro caen en anacos, e a paisaxe que arrodea ás grandes cidades está salpicado de visións futuristas de xeracións pasadas, agora fedorentas, suxas, ou abandonadas. Nada disto aconteceu porque si. Trátase, precisamente, dun asunto de prioridades nacionais: o resultado dunha política de decisións que asignan financiación a todo, desde a conservación da paisaxe a certos tipos de investigación científica. Este é o mundo que eses infinitos documentos que tratan de «visión», «calidade», «liderazgo» e «innovación» crearon en realidade. Máis que a causa da nosa situación actual, a dirección que tomou o cambio tecnolóxico existe en función do poder das finanzas.

 

NOTAS:

1. Esta cita pertence a un punto anterior de La utopía de las normas

2. En Inglaterra, por exemplo, a lexislación contra as Corn Laws, que eliminou as tarifas proteccionistas británicas, fíxoo baixo o impulso do primeiro ministro conservador sir Robert Peel, famoso sobretodo por ter creado a primeira forza policial británica.

3. É posíbel que houbera relacións de mercado que non funcionaran deste xeito. Aínda que ao longo da historia os mercados impersonais foron de creación estatal, na súa maior parte organizados para apoiar expedicións militares, pode ter habido periodos nos que Estado e mercados se separaran. Moitas das ideas de Adam Smith e outros partidarios do mercado da Ilustración semellan proceder dunha destas épocas, a Idade Media islámica, na que os tribunais da sharia permitían facer cumprir contratos comerciais sen intervención gubernamental, pero só a través da reputación dos comerciantes e, polo tanto, do dignos de crédito que eran. Todo mercado desas características operará de xeito moi diferente aos que nos resultan coñecidos. Por exemplo, a actividade mercantil víase moito máis como froito da cooperación que como froito da competición (véxase En deuda: una historia alternativa de la economía, David Graeber). Na cristiandade existía unha tradición moi diferente na que o comercio estaba sempre máis mesturado coa guerra, e unha conduta puramente competitiva require, por necesidade, especialmente en ausencia de lazos sociais previos, algo como a policía para que a xente respeite as normas.

4. Existe a posibilidade de que isto comezara a mudar en anos recentes. Porén, na miña experiencia persoal, cada vez que presentaba un artigo que defendía que algunha forma de control social era posíbel grazas ao monopolio estatal da violencia, víame de inmediato atacado sobre bases Foucaultianas, Gramscianas ou Althusserianas, asegurándome que unha análise do estilo estaba pasada de moda, ben porque os «sistemas disciplinarios» xa non funcionan así, ben porque agora sabemos que nunca o fixeron.

This entry was posted in Ferramentas teóricas, Reflexión e análise. Bookmark the permalink.