Traducimos esta interesante entrevista a Esteban Vidal, autor da «Análise comparativa das políticas de xestión da pandemia en Europa e unha aproximación ao fenómeno da epidemia desde a ciencia política». Nela apunta algunhas cuestións sobre a situación actual bastante preocupantes e que urxen á acción. Tamén aprofunda, entre outras cousas, na cuestión de onde reside realmente o poder do Estado.
A entrevista realizouse no programa El Vórtice. Saltámonos as primeiras intervencións para ir ao que nos parece máis interesante. Os títulos dos epígrafes e as negriñas son nosas.
1. A PANDEMIA COMO EXCUSA PARA A REESTRUCTURACIÓN DO SISTEMA
“A finais da década de 2010 xa se percibira un cambio de tendencia, sobre todo ligado á crise que se produciu en 2008. É algo que xa se vía vir: a economía mundial estábase ralentizando, e as economías europeas xa non crecían tan rápido como antes, estaban a quedarse atrás. O que estivo ocorrendo ultimamente co tema da pandemia, no plano económico vai xerar moitos problemas. Afundíronse moitas economías, a situación é realmente grave. No mundo empresarial considérase que cando unha empresa adquire unhas débedas que son superiores ao 90% do valor dos seus activos considérase que está en quebra. Estamos a falar de que agora hai unha gran cantidade de Estados importantes no mundo que teñen débedas soberanas superiores ao 100% do seu PIB, que é o seu principal activo, a súa economía. E isto, o que deixa claro é que a situación é verdadeiramente crítica a un curto e medio prazo porque vai desatar crises fiscais, etc.”
» Continuar a ler:
“Produciuse un elevado grao de improvisación na xestión da pandemia. Eu penso que isto é claro para entender o que está a pasar, porque isto, contrariamente ao que pensan algunhas persoas, non responde a unha conspiración. Se houbese unha conspiración non habería tal grao de improvisación en case todas partes, pero especialmente no plano político.
Que é o que vimos? Pois que China no seu momento aproveitou a situación para establecer maior vixilancia e control sobre a súa poboación, e non puideron quedar indiferentes o resto de países. Se un país establece unha serie de restricións, o veciño cópiallas. Se pon mesmo máis restricións, mellor, porque aumenta o control sobre a súa poboación, por tanto son maiores as capacidades internas dese estado, e iso proxéctase na escena internacional con maior poder, maior influencia.”
“Atopámonos coa situación de que as potencias occidentais teñen que competir con China, que é a potencia emerxente. China está a estenderse en África: ten acordos moi importamtes con Sudáfrica, que é a primeira potencia económica do continente africano. Pero tamén con Angola, e con outros países, como República do Congo, e máis. China estase estendendo por África, non é casualidade, sen embargo as potencias occidentais están en declive tanto no plano político, como económico e social.
Na situación da pandemia atopámonos con que non é posible para os países occidentais competir con China nas condicións dos seus respectivos sistemas políticos, sistemas constitucionais onde se recoñecen dereitos e liberdades, unha autonomía do individuo, prevalecen certos valores, … (…) Entón temos un problema moi grave: cómo congeniar a eficacia na loita pola supremacía mundial entre os países occidentais e China, cos valores que historicamente caracterizaron a Occidente, a lexitimidade que historicamente ostentaron os réximes constitucionais que imperaron nesta rexión do mundo. E iso vai xerar graves conflitos, porque para competir con éxito necesitan cambiar tanto o sistema político, agora mesmo estamos a vivir nun Estado de Excepción permanente no que suspenderon dereitos e liberdades fundamentais. O dereito de reunión, tanto en espazos públicos como privados, o dereito de manifestación (utilizando como pretexto a distancia de seguridade e cuestións sanitarias), a liberdade de expresión (o Estado erixiuse como detentador da verdade, di o que é certo e o que é falso, o que deu pe a pechar páxinas, colaborar coas grandes corporacións tecnolóxicas para pechar canles, impedir a difusión de determinados contidos, etc), … e isto choca co sistema de valores que imperou en Occidente, os seus principios, os seus sistemas políticos.
Isto é algo que xa dixo un filósofo coreano (NdT. Byung Chul Han), que precisamente comentaba que se se segue esta senda de desenvolver crecentes controis co pretexto da sanidade pública, Occidente vaise desfacer dos valores políticos que o caracterizaron (a liberdade individual, os dereitos fundamentais, o imperio da lei, etc) para establecer unha ditadura tecno-totalitaria, que é desafortunadamente ao que nos están conducindo. E a unha transformación dos fundamentos da convivencia social. Están a cambiar as relacións sociais: antes nós elixiamos como nos relacionabamos entre nós; agora o Estado decide cando, onde, e de que xeito témonos que relacionar as persoas, e iso é totalmente totalitario.”
“Está claro que un dos cambios que se está producindo a nivel político é a perda de liberdades e dereitos. No plano económico tamén estamos a ver como se está utilizando a pandemia para cambiar o modelo de produción, por unha razón moi simple: cunha economía baseada no turismo, na hostalaría, non podes competir con China, iso é imposible e entón hai que cambialo. O que están a facer é directamente eliminar ese sector, que até agora xogou un papel fundamental no conxunto da economía española, pero tamén na doutros países, como Francia, que historicamente foi o maior receptor de turistas do mundo. En condicións normais isto non llo permitiría a poboación, sen embargo agora están a utilizar a emerxencia sanitaria para multiplicar este tipo de peches dunha chea de empresas, e reestruturar o conxunto da economía. Aquí xoga un papel importante non só a dixitalización, que vai ter un alcance limitado (non podes dixitalizalo todo, hai unha serie de cousas que non se prestan a iso), senón tamén o peche de certos servizos por parte do Estado para aforrarse diñeiro por unha banda, pero sobre todo para liberar recursos e destinalos a outro tipo de cousas que considera prioritarias.
2. O REXURDIR DO ESCRAVISMO
Doutra banda temos algo moi inquietante, que é a reemerxencia da escravitude en Europa. Comento na “Análise…” que existe un informe do goberno británico, concretamente da Axencia Nacional do Crime, no que explicitamente din que existen no Reino Unido polo menos 13.000 escravxs. O informe é do 2013, desde entón non se volveu a facer ningún outro informe, pero si que se fixo un seguimento desta situación, e sábese que esa cifra é moito maior agora. Non por casualidade, en outubro de 2019 houbo unha noticia dun camión frigorífico no que apareceron mortos un grupo de vietnamitas. Isto, que é válido para o Reino Unido, tamén é válido para o resto de Europa, o que ocorre é que no resto dos países non se di nada, é algo que se está tapando descaradamente, mentres que no Reino Unido si que hai asociacións que loitan contra isto, que interveñen no debate público e tratan de darlle visibilidade. Aquí non, pero se furas un pouco nas noticias, vas atopando casos de xente que está a ser escravizada: que a garda civil ou a policía desarticula unha organización criminal que tiña esclavizados a 30 moldavos que eran utilizados para a recollida por exemplo de laranxas, ou que unha empresaria lucense tiña a tres colombianos nunha granxa de porcos, esclavizados, … este tipo de noticias, se buscas, atópalas.
Que quere dicir isto? Estamos ante unha situación na que nos están conducindo por un lado no plano político e social á “sociedade do campo de concentración”, e polo outro está a aparecer o sistema escravista. Isto responde a moitas condicións que se dan a nivel estrutural nas sociedades occidentais: unha é que son sociedades moi envellecidas. E bon, isto é válido tamén para outras sociedades, China agora ten unha crise demográfica moi gorda, e Rusia tamén, e outros países tamén están nunha situación parecida, como Estados Unidos, por exemplo. Isto é un problema no sentido de que isto vaise agudizar no futuro inmediato e vaise a xerar unha escaseza de man de obra. E aquí xoga un papel moi importante África Central, que é o único lugar do mundo no que aínda existen altas taxas de natalidade. E iso é man de obra dispoñible que moitas potencias agora mesmo están a se disputar para poder manter a súa capacidade de produción.
E que ocorre cando hai escaseza de man de obra? Pois podemos analizar os casos históricos, por exemplo do Sur de Estados Unidos, cando desenvolveu alí un sistema esclavista entorno ás plantacións de algodón, de tabaco e de azucre. Por que? Porque non lles ían os traballadores europeos aí. A migración europea, o que se podía pagar a viaxe de cruzar o atlántico despois chegaba a Estados Unidos e facíase cunha porción de terra nunha zona rural. O que non lla podía pagar pasaba ao redor de sete anos como unha especie de criado para quen lle pagou a pasaxe. Polo que en xeral había unha escaseza de man de obra, e “tiveron” que levar man de obra escrava.
Outro exemplo, Trinidade e Tobago, que é un arquipélago que está ao norte de Venezuela, cando se aboliu alí a escravitude, os escravos dixeron que non querían seguir traballando nas plantacións de azucre, que non loitaran para pór fin á escravitude para iso. Entón que fixeron os seus antigos amos? O que fixeron foi coller, e ao ver que había escaseza de man de obra, importaron man de obra da India, e aquilo encheuse de xente da India e cubriron o espazo que deixaran os antigos escravos.
E está a pasar exactamente o mesmo en Europa, estamos a ver un envellecemento e desaparición das sociedades occidentais porque cada vez nace menos xente e morre máis, e doutra banda fluxos migratorios que atravesan o Sahara, e que esta xente termina sendo esclavizada. Por que? Porque se dan as condicións. Hai unha escaseza de man de obra, “hai que manter a capacidade de produción”, non hai suficientes nacementos. E a isto súmase o feito de que unha persoa procedente dun continente afastado, nunha sociedade na que non ten contactos, non ten amigxs, non ten familiares, ás veces nin sequera coñece ou entende ben a cultura da sociedade que lle recibe, pois é unha persoa moi vulnerable e que é moi susceptible de terminar sendo escravizada, como está a suceder no Reino Unido e no resto de Europa.
E ollo, o que ocorre no Reino Unido non é unha cuestión que se circunscriba unicamente, como erroneamente pensa a xente, só a “extranxeirxs”, é que a escravitude mesmo se estendeu entre os propios británicos, o cal é bastante alarmante. E non só iso: o feito de que a maior parte da escravitude non se centre en cuestións como o tema sexual, prostitución, etc. Non. A maior parte son xente que traballa, por exemplo, en labores de limpeza en fábricas, en salóns de beleza, desempeñando labores domésticos en casas de ricos, … Porque claro, os ricos occidentais necesitan moitxs criados nos seus chalés de luxo na serras. E bon, pois esta xente está a importar man de obra escrava.
Non por casualidade, en Libia reemerxeu a escravitude. Alí, como é unha zona de tránsito, escravizan a xente que ten que atravesar Libia para chegar a Europa e rematan, pois escravizadxs no sector da construción e tamén no tráfico de órganos. A moita desa xente despois quítanlles os seus órganos e para vendelos no mercado negro.
Camiñamos cara a unha sociedade do campo de concentración pola importación do modelo totalitario chinés, combinado coa aparición dun sistema esclavista que van reestablecer de facto (porque o estamos vendo), pero non formalmente porque quedaría moi feo e sería moi obvio. O que non lle podan facer á poboación europea, occidental, estanllo a facer á poboación estranxeira que está a chegar aquí.”
3. SOBRE O PODER, O ESTADO, E QUEN OS CONTROLA
Entrevistador: A falta de debate na sociedade está a facer que as miras sexan moi curtas. Estamos a enfocarnos no abuso que se está facendo ao utilizar o medo (tamén fas mención a isto na análise), pero con este medo centrámonos só en sobrevivir, con esa sensación de estrés, en “mañán”. “Vexamos a ver que pasa mañán”. E cando se planea, normalmente cando un goberno minimamente organizado, ou unha corporación planea o desenvolvemento dunha actividade faino a 15, 25 ou 50 anos vista. E aquí estanse aplicando políticas, e estase seguindo unha axenda que non fala dos próximos 5 anos, senón que se está forxando agora o que imos vivir nos seguintes 30 anos. (…)
Aínda hai xente que di que en China están moi ben e que pudo experimentar un crecemento económico, pero a realidade é outra. Non sei se se lembran daqueles vídeos nos que se sacaba a patadas á xente das súas casas. Lembremos que economicamente asistimos a un “milagre” de desenvolvemento en China, pero que aínda hai moito que superar…
“Desde logo. China é agora o país con máis multimillonarios do mundo e onde máis desigualdade social existe. E sobre o que comentabas en relación á pandemia: a min xérame estupefacción e indignación ouvir como cada vez hai máis supostos expertos que din que hai que seguir o modelo chinés para atallar problemas sanitarios, e poñen como referencia a Wuhan, un lugar onde as cousas que se fixeron foron tremendas: dar malleiras á xente no medio da rúa, ir buscar a xente que supostamente dera positivo aos seus domicilios e sacarlles a rastro das súas propias casas, ou directamente tapiar as portas dos domicilios destas persoas cos inquilinos dentro, a maiores de todo o sistema de vixilancia e control que estableceron cunha chea de cámaras térmicas e tamén biométricas, cunha chea de controis policiais en cada esquina… a min paréceme que pór como exemplo iso é horripilante.
A ninguén lle debería extrañar que exista entre as elites occidentais un interese en importar o modelo chinés. Mesmamente temos o caso do dono da cadea de supermercados Mercadona, que dixo que hai que copiar a cultura de traballo dos chineses. A cultura de traballo dos chineses é a escravitude, e os castigos físicos no centro de traballo. E o suicidio. En moitísimas fábricas de China teñen redes nos patios interiores para que cando os traballadores se tiran polas xanelas para suicidarse non se maten. Realmente en China o que menos se pode falar é de que existise unha mellora máis que para unha minoría, que viu como o crecemento económico dos últimos anos reverteu nos seus petos e nos petos do Estado e dos xefes do Partido Comunista, que se encheron os petos e puidéronse pagar agora un crecente gasto militar, novas bases militares no estranxeiro, como é o caso de Djibouti, etc. Aquí decatáronse as elites occidentais de que China copiou o mellor de occidente no terreo económico e demais, para facilitar o seu crecemento a nivel mundial, aumentar o seu poder na escena interna, pero sobre todo na externa, e de que iso é unha vantaxe comparativa con respecto os modelos occidentais, réximes constitucionais, onde existen -bon, existían– unha serie de garantías no plano legal que limitan a capacidade de intervención dos estados na sociedade. E eles queren pór fin a iso porque supón un obstáculo que impide competir con eficacia e con éxito fronte a China.
Na análise comento un pouco iso, como o poder en si mesmo tende a un crecemento ilimitado, e nese proceso de crecemento atópase con obstáculos que ten que superar. E estes son o sistema político, a forma en que está organizada a sociedade, etc, que son obstáculos que ten que superar mediante un proceso de reorganización.
Isto vén a conto dun politólogo francés que se chama Bertrand de Jouvenel que escribiu un estudo moi interesante que se chama “Sobre o poder, historia natural do seu crecemento”. É moi interesante porque aclara bastante do que acabo de dicir, se alguén quere aprofundar é unha obra de referencia. E hai un capítulo que se titula: “O poder como revolución permanente”. É un título moi suxerente, e explica este concepto de como o poder, na súa necesidade de crecer, de fortalecerse, ten que adaptar constantemente a sociedade ás súas propias necesidades de dominación. E isto vémolo na escena internacional, en cómo os Estados necesitan incrementar constantemente as súas capacidades internas para competir entre eles con éxito. Se non o fan quedan atrás e perden nesa carreira pola loita pola supremacía mundial. Este libro dá algunhas ideas nese sentido.”
Entrevistador: O que pasa é que voltamos ao de sempre: vendéronnos e tragámonos o conto de que o Estado somos nós, pero en realidade o Estado é o statu quo, e o Estado son aqueles que realmente detentan e controlan os diferentes poderes do Estado, e que teñen a capacidade nun momento dado de utilizar tamén a violencia para reprimir calquera pensamento disidente, controlar e deseñar aonde imos. Ou sexa que ao final falamos diso. Quen compite? Compito eu cun chinés? Porque de forma individual seguramente se nos pomos a falar con calquera persoa, calquera cidadán de China, do Congo, de Suecia ou de México, todxs compartimos as mesmas experiencias humanas, as mesmas necesidades, anelos. Pero no momento no que metemos os intereses do Estado ou do statu quo e desas elites, esquécete, aí xa falamos doutra forma de competir, que é o que a xente esquece.
Porque falamos de China, pero tamén podemos falar de Estados Unidos e deses informes que facía Goldman-Sachs na última crise do 2007-2008. Neses informes atacaba directamente ás Constitucións como a española ou a italiana, que xurdiran despois da II Guerra Mundial, cun tinte social. E dicían que iso era un impedimento para o desenvolvemento, para o crecemento da economía. Pregúntome de que economía ou de quen.
Ou sexa que ao final parece que o Poder, como ben estás a dicir quérenos ter a todxs ben ordenadiñxs, e no momento en que faga falta, encerrarnos, ou darnos unhas labazadas para que vaiamos por onde a “eles” lles interesa. Tanto nun lado como no outro. E daquela isto abre tamén a posibilidade de falar dos diferentes países, estes BRICS [NdT. Brasil-Rusia-India-China-Sudáfrica], ou potencias emerxentes, que volven querer ocupar espazo no mundo, e que teñen un denominador común: unha figura dun “papá” que aplica disciplina, e que é o que guía ao país. Estamos a falar de Turquía, Rusia, Filipinas, Hungría, … Asistimos a unha clara deriva cara a sistemas cada vez máis totalitarios dirixidos por figuras “paternais” que evocan outros tempos, e semella que volta unha vez máis todo iso…
“O que expós é interesante, porque ao final estamos a falar de onde está, de onde reside o poder. A xente adoita ter unha idea que é bastante confusa, porque cren que o poder reside nos gobernos. O goberno non é máis que un órgao do estado para coordenar a súa actividade, a actividade do Estado. Mentres que o Estado é unha organización impersonal que integran diferentes institucións e que ostenta o mando efectivo sobre a sociedade, realmente é autónomo no sentido de que ten a capacidade en por si para mandar á propia poboación. Isto é o que nos leva a preguntarnos: quen toma as decisións importantes nun país? Tómanas os presidentes do goberno, ou son outras persoas as que están a tomar as decisións e eles simplemente limítanse a acatar o que lles din? Eu creo que está moi claro que o poder reside en quen ten a capacidade efectiva de exercelo. Aquí vemos que as decisións importantes do Estado tómanas altos funcionarios dos ministerios, mandos militares, xefes dos servizos secretos, xefes policiais, etc. Isto non é algo que me estea inventando. Un caso moi obvio é o caso do presidente Truman, que cando ía deixar xa a presidencia, que ía ocupar o seu sucesor, que gañara as eleccións, Eisenhower, e dixo: “Pobre Ikey -como lle llamabam de forma cariñosa a Eisenhower-, cando chegue á Casa Branca e comece a dar ordes a todo o mundo e lles diga “fai isto, fai aquilo”, e vexa que non ocorre nada. Vaise decatar de que isto non é como o exército, como el cría, e vaise sentir tremendamente frustrado”. Efectivamente é así, porque a inercia da burocracia o que xera é iso: unha serie de constriccións que impiden aos xefes políticos que ocupan os cargos da dirección dun país tomar as decisións importantes. E ao fin e ao cabo son mandos militares, xefes dos servizos secretos, o corpo diplomático, etc, quen toman esas decisións. Hai moitos estudos sobre isto, pero agora vénme á cabeza o de Charles Wright Mills, “A elite do poder”, que é un estudo sociolóxico sobre a elite estadounidense que trata sobre quen toma as decisións importantes nun país. E el fala claramante de que o complexo militar industrial, por exemplo en EEUU, é clave á hora de tomar as decisións importantes. Pero non é o único, aí temos “A casa da guerra – o Pentágono é quen manda”, un título bastante ilustrativo porque reflicte bastante a realidade, de James Carroll, no que explica como o Pentágono, ao ser a institución que máis recursos concentra en EEUU é o que domina a política federal. E aí vemos como os militares, en coalición con outros xefes (da policía, dos servizos secretos), son os que preparan as decisións que logo finalmente teñen que tomar os presidentes de turno. Porque eles realmente non toman a decisión, véñenlles cunha serie de opcións precocinadas, e danlles a opción de elixir entre esas opcións. Pero realmente quen toma as decisións non é o presidente. E hai máis estudos, agora vénme á cabeza “National security and double government”, de Michael Glennon. Este é un estudo tremendo que explica como a política de seguridade coa administración Bush e coa administración Obama non cambiou. Por que? Porque realmente os gobernos van e veñen, sen embargo as institucións que realmente gobernan a sociedade son as que permanecen, e iso son: os departamentos de Estado, o departamento de Defensa, etc.
E os políticos o único que fan é vender á poboación decisións que eses altos funcionarios tomaron. Haberá alguén que me diga: “Non, pero é que os políticos son os que formalmente detentan o mando segundo as Constitucións”. Si, segundo as Constitucións si, é así. Pero non sempre as cousas funcionan como din as Constitucións, porque aquí xogan un papel moi importante os recursos que acapara cada institución. O Pentágono é sen dúbida a institución que máis recursos acapara en EEUU. Estamos a falar de 700.000 millóns de dólares en orzamento. E unha man de obra de ao redor de 5 millóns, sen contar o efectivos militares que controla, que son 1,4 millóns. Pero a iso tes que sumarlle outro feito: a nivel operativo quen ten o mando? Non é o presidente, o presidente depende dos seus subordinados, e os seus subordinados na práctica teñen máis poder que el. Por tanto se A depende de B, por moito que A figure formalmente como o que dirixe, o que manda é B, porque é B quen ten a capacidade e ten o mando efectivo e operativo.
E bon, entón para que serven os políticos e todo iso? Pois a clase política está para lexitimar esa orde de cousas. Vótase periodicamente, fanse unhas eleccións, saen uns representantes, un presidente, como agora nas eleccións de EEUU, e esta persoa o que fai é dar o visto e prace ás decisións que eses mandos policiais, mandos militares, etc, tomaron previamente.
Isto xa se ve na Idade Media, cando se fai unha separación entre os asuntos persoais do monarca coa creación da Casa Real, e os asuntos do Estado. Entón, a partir dese momento, desa distinción, a cabeza do Estado (o monarca), xa non intervén no funcionamento interno do Estado, iso xa se termina. Alguén que o explica moi ben é Martin Van Creveld, que ten un libro titulado “The rise and decline of the State”, que eu o recomendo, se quere alguén aprofundar no tema do Estado é fundamental, explica como evoluciona na Historia. O que ocorre na Idade Media trasládase ao tempo moderno, e os políticos, a xente que ostenta o goberno ou o que sexa, non interveñen no funcionamento interno do Estado, porque iso está organizado a través de normas, de leis, dunha burocracia interna que funciona de forma automática. Por iso, cando mesmo se produce un baleiro de poder, cando non hai un presidente ou o que sexa, isto segue funcionando, o país non se para. E vímolo cando por exemplo en España cando tiñamos a situación aquela dun goberno provisional, non se rematou de nomear un novo goberno, estabamos nesa situación de impasse. O país non se paraliza, segue funcionando. O que ocorre é que a elite política é elixida pola poboación para dar o visto e prace a decisións que logo toman círculos de poder privilexiado nestas institucións que ninguén elixiu. Nós non eliximos os mandos militares, non eliximos os mandos policiais, nin aos servizos secretos, nin ao corpo diplomático nin nada polo estilo. Isto vén imposto. Porque o Estado no fondo é unha imposición, que se mantén en última instancia por medio da coerción. O que ocorre é que o Estado necesita ter a cooperación da poboación, porque se recorre sistematicamente á violencia, isto non funciona. Precisa un grao de cooperación entre a poboación, e para iso están as eleccións: a xente vota, saen representantes, e eles o que fan é referendar as decisións que toma o Estado. E se non che gusta, pois para as próximas eleccións vota a outro, pero o caso é que vai seguir sendo o mesmo, porque o Estado é autónomo.”
Entrevistador: De aí véñenme á memoria os numerosos artigos sobre esas “portas xiratorias”, onde o servidor público misteriosamente logo pasa a servir na empresa privada e o da empresa privada pasa a servir como servidor público. (…)
4. O QUE VEN
Entrevistador: Falabas dunha reestruturación política, económica e social dun calado brutal, introduciches conceptos como a escravitude, a case desaparición do estado (NdT. de benestar) para investir o pouco que nos queda no máis básico, falaches de quebras de Estados enteiros, … É case unha imaxe bélica, ou de pos-guerra, pero non houbo tiros. Que che fai pensar esta reflexión?
“O máis evidente é que estamos a asistir a como se está empobrecendo á sociedade, camiñamos cara a unha sociedade da miseria, a riqueza das clases asalariadas está a pasar a mans de grandes corporacións que están a acaparar o mercado, ao mesmo tempo que pequenos propietarixs con pequenas e medianas empresas desaparecen do mapa directamente. E iso ímolo a ver a partir do ano que vén, non só co tema dos ERTEs, tamén coa desaparición de miles de empresas que agora mesmo só existen sobre o papel. Iso forma parte dun proceso de desvalorización da man de obra: hai que abaratala para poder competir fronte a China. Isto vaise ver combinado cun incremento da conflitividade social, para iso xa teñen o Estado de Excepción encuberto actual a conta da pandemia, para reprimir á poboación e impedir protestas. Se hai protestas, confínasenos e fóra. Usando como pretexto a saúde pública. Isto vai ser un procedemento que o imos a ver a nivel inmediato e que se vai a prolongar co paso do tempo.
Logo tamén temos que ter en conta que o modelo produtivo está a cambiar, se quere competir con China precisa destes cambios, dunha caotización da sociedade.
Sobre a débeda soberana, agora mesmo España está a ser mantida grazas ás compras de débeda do Banco Central Europeo. Non podemos esquecer que a maior participación neste banco é do Alemaña. Por tanto a economía do Estado alemán é a que está a manter a flote ao Estado Español. Se a iso súmaslle que a balanza comercial de pagos é negativa (impórtase máis do que se exporta en España), estamos a ver que tamén outras economías están a manter á española. Ou sexa, a economía española está a vivir de prestado, iso é un feito. E o país en termos financeiros non é viable, porque a iso hai que sumar a cuestión da natalidade. No momento no que só haxa neste país jubiladxs e funcionarixs, quen paga as facturas? Vai haber unha escaseza de man de obra, non se vai repor esa man de obra. Din que a inmigración pero iso non serve, os inmigrantes tamén se xubilan. E a maiores, que hai outras sociedades que están a competir tamén pola mesma man de obra.
Entón as posibles saídas son: recorte do gasto; ou aumento de impostos; ou aumento da débeda (como unha imposición política de pagar cero intereses ou pouco interese); ou imprimir máis billetes do banco (que iso é o que está a facer en gran parte o Banco Central Europeo, tamén a Reserva Federal); ou unha mestura de todo isto. O resultado sempre é ao longo da historia o mesmo: caotización da sociedade. Non quere dicir que isto sexa inevitable, o que faga a xente pode condicionar bastante o desenvolvemento dos acontecementos no futuro. Pero si que quero dicir que existe unha combinación de problemas que van converxer nun futuro non moi afastado, que é o que estivemos comentando no plano económico, político, social, demográfico, tamén ambiental… e que se une ás condicións internacionais de permanentes rivalidades entre diferentes países. Isto é moi grave porque vai ter un custo a todos os niveis, e o que fagamos ou deixemos de facer vai condicionar o futuro. A clave é saber organizarnos para poder resistir a estes cambios e que non nos leven por diante. É a liberdade e a vida o que está en xogo.”