O desmantelamento da sanidade pública galega

Levamos anos de recortes, pero non é só un problema de falta de financiamento, senón de… desvío de diñeiro público.

» Continuar a ler:

Algúns datos sobre o estado da sanidade pública galega:

???????? A ATENCIÓN PRIMARIA LEVA UNHA DÉCADA
SENDO GRAVEMENTE RECORTADA

– Esta área da sanidade é crucial en calquera sistema de saúde, particularmente para a asistencia dunha enfermidade infecciosa como a Covid. Do ano 2009 ao 2020 o orzamento que a Xunta dedica á Atención Primaria sufriu un recorte acumulado de 142 millóns de euros. En xaneiro do 2021 sube 96 millóns de euros. Pero iso, a pesar da sobrecarga que supón a Covid para este servizo (detección e rastreo, máis consultas domiciliarias, coordenación da atención nas residencias, vacinación, …) queda lonxe tan sequera da compensación da década de recortes.

???????? FALTA PERSOAL E HAI UNHA SOBRECARGA DE TRABALLO

– En decembro de 2020, o ano da pandemia, o SERGAS convocou un 50% menos de prazas de enfermeirxs que na convocatoria de decembro de 2019 (219 frente a 439 do ano anterior). O número de prazas de persoal médico superou só lixeiramente o do ano anterior (1133 frente a 1091 do 2019), unha cantidade insuficente para cubrir os baleiros que se veñen denunciando nos últimos anos, que unha vez máis, vense acentuados pola pandemia. En moitas ocasións as médicxs teñen que atender nunha xornada a 50-60 pacientes, e nalgúns casos mesmo moitos máis, como xa se ten denunciado nos últimos anos (a finais de 2018, 22 xefes de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo presentaron a súa dimisión como protesta ante esta situación)

– Produciuse un descenso dun 7,44% no persoal total por cama entre 2010 e 2018. O ratio de enfermeirxs por cada 1000 habitantes é de 5,3, moi por debaixo da media europea (8,8), e tamén da estatal (6,5). Recentemente o parlamento estatal aprobou unha lei de ratios que podería paliar parcialmente esta situación, pero resulta insuficiente por carecer de garantías de aplicación e de viabilidade económica, ademáis de non regular os ratios das residencias socio-sanitarias, as grandes afectadas pola pandemia.

– Tamén se ten denunciado a escasez de ambulancias e de persoal de ambulancias, ocasionando nas últimas semanas retrasos de ata 11 horas na asistencia

– A isto teríamos que engadir os protocolos Covid, que ademáis de implicar as tarefas engadidas mencionadas antes, presentan unha inusitada densidade burocrática, que por se fora pouco cambia case cada semana. A falta de vontade para simplificar os protocolos que ten que aplicar unha plantilla sanitaria insuficiente, supón un obstáculo engadido que degrada unha vez máis a sanidade pública.

???????? ABUNDA A TEMPORALIDADE E A PRECARIEDADE

– O 40% do persoal sanitario está suxeito a contratos temporais, que que nunha minoría dos casos teñen unha duración máxima de 2 meses, abundando os contratos dun mes, unha semana ou días soltos. Este elevado grao de eventualidade implica a incertidume de estar constantemente pendentes do teléfono para incorporarse a traballar, moitas veces en servizos e departamentos diferentes, a risco de ser penalizadxs se non acuden. A eventualidade e outras deficiencias laborais danse tamén no sector médico, o que fomenta no mesmo a emigración e a fuga cara o sector privado.

???????? ABÚSASE DA TELEMEDICIÑA

– A causa da sobrecarga da pandemia e da falta de persoal estase producindo un abuso da atención telefónica, que non pode sustituír a atención presencial. A “sanidade do futuro”, como a denominou Feijoo, conleva un deterioro da asistencia e o abandono en moitos casos de patoloxías distintas da Covid. Isto afecta en grande medida a patoloxías cunha mortalidade moito máis elevada que a nova enfermidade, como é o caso das patoloxías cardiovasculares ou o cancro. Unha excusa máis para esclerotizar o sistema público.

PERO NON É SÓ UN PROBLEMA DE FALTA DE FINANCIAMENTO, SENÓN DE PRIVATIZACIÓN:

Todos estes problemas, que veñen dun proceso de desmantelamento de anos, tampouco son atallados en plena pandemia, recrudecéndose así as súas consecuencias na poboación.

Pero o problema fundamental está no propio modelo sanitario, na lexislación que permite a PRIVATIZACIÓN encuberta da sanidade, que ano tras ano se ve paulatinamente desmantelada.

Estase utilizando o sistema de concertos para desviar á privada operacións sinxelas e probas diagnósticas que se poderían realizar perfectamente nos centros públicos se estivesen ben dotados de persoal. Co diñeiro que se vai cada ano en concertos privados e no pago ás empresas que xestionan os hospitais de Vigo (que xa son privados, o Álvaro Cunqueiro e Povisa), poderíanse contratar 2.000 médicos, 4.000 enfermeirxs e 3.500 auxiliares administrativos.

A evidencia demostra que os hospitais privados teñen unha maior mortalidade. Un 9,5 % engadido de mortalidade en neonatos, un 2% máis en adultos1, e un 8 % máis en enfermxs crónicxs2. Isto é debido a que teñen plantillas máis reducidas e estancias máis cortas, ademáis de que están obrigados a repartir beneficios económicos entre os seus accionistas.

Os lobbies da sanidade privada presionan para que se recorte a pública e se desvíe ese diñeiro público ás súas mans mediante os convenios e concertos. A privatización dos centros sanitarios é legal en base a 3 normas estatais:

• O artigo 90 da Ley General de Sanidad, que permite os concertos privados (no 2018 un 14% do orzamento sanitario do estado dedicouse a concertos privados, unha cantidade equivalente ao gasto sanitario total de Andalucía)

• A Lei 15/97 de “nuevas Formas de Gestión” -máis ben de “Privatización Sanitaria”-, que permite que calquera centro sanitario ou sociosanitario poda ser xestionado por empresas privadas.
• O artigo 67 da Ley General de Sanidad (“convenios singulares”) que permite vincular centros privados ao SNS.

Nin os partidos de dereitas, nin o PSOE nin Unidas Podemos cuestionan estas leis. Estes últimos en flagrante contradicción coas súas promesas eleitorais. Folga dicir que isto tampouco cambiou ao longo deste ano de pandemia.

Aínda que os partidos “de esquerda” podan ser nun momento dado “a cara amable” do proceso (cunhas partidas de financiamento sanitario algo máis elevadas), isto non quita que con eles se siga privatizando, a causa da mencionada lexislación.

A experiencia demostra que unha vez que é privatizado un centro ou servizo é moi difícil que sexa recuperado para a pública. Polo que ano tras ano as partidas presupuestarias se desvían cada vez máis cara a privada. Coa consecuencia de que aínda que se eleve o gasto sanitario, os convenios e concertos da xestión privada absorben cada ano máis deste diñeiro, e o sistema público vese continuamente mermado en beneficio dos seguros privados.

E mentres continúa este proceso privatizador sobre unha sanidade pública xa moi degradada, a Xunta e o Goberno xestionan a pandemia asumindo que o principal problema é que a poboación se comporta irresponsablemente, centrando as súas medidas nas restriccións sociais e na policialización…

ANTE A CRISE SANITARIA NON HAI OUTRO CAMIÑO QUE:

• Blindar a sanidade: derogación das leis privatizadoras. Nin un euro para a privada. Rescate do que xa se privatizou
• Reforzo da Atención Primaria e a Sanidade Pública
• Xestión democrática do sistema sanitario, priorizando os determinantes socioeconómicos da enfermidade

NIN RECORTES NIN ESTADO DE EXCEPCIÓN!
DEROGACIÓN DAS LEIS PRIVATIZADORAS
E REFORZO DA SANIDADE XA!

[CARTAZ/panfleto curto] O desmantelamento da sanidade..
[PANFLETO LONGO] O desmantelamento da sanidade pública galega

This entry was posted in Contrainfo e disidencia científica, Difusión e recursos, Reflexión e análise. Bookmark the permalink.