Elementos para unha crítica da burocracia – David Graeber (e II)

Segunda parte do texto de David Graeber, antropólogo e activista anarquista falecido o verán pasado. Pertence ao seu libro La utopía de las normas. De la tecnología, la estupidez y los secretos placeres de la burocracia, publicado orixinalmente en 2015. Primeira parte aquí

A grandes rasgos pouco importa, pois, que un busque reorganizar o mundo en función da eficiencia burocrática ou da racionalidade do mercado, as asuncións fundamentais son as mesmas.

3. Lembre sempre que todo xira, en definitiva, arredor do valor (ou: sempre que escoite a alguén dicir que o seu valor máis importante é a racionalidade, é que non quere admitir cal é o seu verdadeiro valor)

A filosofia da “auto-actualización” da que surxiu a maior parte desta nova linguaxe insiste en que vivamos un presente atemporal, no que a historia non significa nada, que sinxelamente creamos o mundo que nos arrodea co poder da nosa vontade. É unha especie de fascismo individualista.

Para cando esta filosofía se fixo popular, nos anos setenta, certos teólogos cristiáns conservadores pensaban nunha liña moi semellante: vían o diñeiro electrónico como algún tipo de extensión do poder creativo de Deus, que se transformaba despois en realidade material mediante as mentes de emprendedores inspirados. É fácil ver como isto podía levar á creación dun mundo no que as abstraccións financeiras puideran parecer a base mesma da realidade, e na que tantos dos nosos entornos pareceran impresións en 3D surxidas da pantalla do computador de alguén. O sentido dun mundo xenerado dixitalmente podería tomarse para ilustrar perfeitamente outra lei social (alomenos, penso que debería recoñecerse como lei social): que se un da suficente poder a unha clase social que posúa mesmo as ideas máis estrafalarias, esta clase, conscientemente ou non, planexará cómo crear un mundo organizado de tal xeito que vivir nel reforzará de mil maneiras sutís a impresión de que esas ideas son verdades evidentes.

» Continuar a ler:

Nos países do Atlántico Norte, todo isto é a culminación dun longuísimo esforzo por transformar as ideas populares acerca das orixes do valor. A maioría dos estadounidenses, por exemplo, adoitaban defender unha versión bastante elemental da teoría do valor-traballo. Tiña sentido de xeito intuitivo nun mundo no que a maioría da poboación estaba formada por agricultorxs, mecánicos ou tendeirxs: asumíase que as cousas boas da vida existían porque a xente se tomaba a molestia de producilas; facer iso, percibíase, era cuestión de músculos e de cerebro, habitualmente en proporcións máis ou menos equivalentes. A mediados do século XIX mesmo os políticos máis tradicionais empregaban frecuentemente unha linguaze que semellaba sacada diretamente de Karl Marx. Un deles era Abraam Lincoln:

“O traballo é previo a, e independente de, o capital. O capital é tan só o froito do traballo, e nunca podería ter existido se non tuvera existido antes o traballo. O traballo é superior ao capital, e merece un recoñecemento moito maior.”

Ao auxe do capitalismo burocrático durante a “idade chapada en ouro”5 acompañoulle un esforzo consciente, por parte dos novos industriais do momento, por deixar de lado esa linguaxe e promulgar a que consideraban a súa atrevida nova filosofía (o magnate do aceiro Andrew Carnegie chegouna a calificar de “evanxelio da riqueza”), segundo a cal é o traballo o que deriva do capital. Carnegie e os seus aliados embarcáronse nunha campaña ben dotada economicamente para promover o novo evanxelio, non só en clubes rotarios e cámaras de comercio de toda a nación, senón tamén en escolas, igrexas e asociacións cívicas.6 A argumentación básica era que a propia eficacia das xigantescas novas empresas que eses homes dirixían era quen de producir tal cantidade de riqueza material que permitiría aos estadounidenses realizarse através do que consumían, e non do que producían. Nesta nova visión, o valor era, en definitiva, un produto da propia organización burocrática dos novos conglomerados.

Unha cousa que nos ensinou o movemento pola xustiza global é que a política trata, en definitiva, do valor; pero tamén que quen crean vastos sistemas burocráticos xamáis admitirán cais son os seus valores en realidade. Isto era tan válido para os Carnegie da época como o é hoxe. Por regra xeral, insistirán (como aqueles industriais explotadores7 de principios do século xx) en que actúan en nome da eficacia ou da “racionalidade”. Pero en realidade esta linguaxe resultta sempre intencionadamente vaga, mesmo sen sentido. A palabra “racionalidade” é un exemplo excelente nese sentido. Unha persoa “racional” é alguén capaz de efetuar conexións lóxicas básicas e avaliar a realidade dun xeito realista. Noutras palabras, é alguén que non está tolo. Todo aquel que asegure basear as súas políticas na racionalidade (e isto vale tanto para a esquerda como para a dereita) está asegurando que alguén que non coincida con el pode estar tolo, o que constitue a postura máis arrogante que se pode adoitar. Ou ben están empregando “racionalidade” como sinónimo de “eficacia técnica”, e así, centrándose en como pensan sobre algo porque non queren falar de que é o que, en realidade, queren. A economía neoclásica distínguese por efetuar este tipo de manobra. Cando un economista tenta demostrar que é “irracional” votar nas eleccións nacionais (porque o esforzo realizado por cada individuo votante é maior que o eventual beneficio que se obtén) empregan o termo porque non queren dicir “irracional para actores para quen a participación cívica, os ideais políticos ou o ben común non consitúen valores por si mesmos, senón que ven o ben común en termos de beneficio persoal”. Non hai absolutamente ningunha razón pola que un non poda calcular racionalmente a mellor idea de impulsar os seus ideais políticos através do voto. Pero de acordo coas aseveracións dos economistas, calquera que o faga está mal da cabeza.

A herdanza máis fonda do dominio das formas de organización burocráticas ao longo dos últimos douscentos anos é que conseguiu que esta división intuitiva entre os medios técnicos e racionais e os fins basicamente irracionais para os que se empregan pareza algo de sentido común.

Noutras palabras, falar de eficacia racional convírtese nun xeito de evitar falar de para qué sirve realmente a eficacia, é dicir, os, en definitiva, irracionais obxectivos que asumimos como fins últimos da conduta humana. Eis outro lugar no que mercados e burocracias falan a mesma linguaxe. Ambos aseguran estar actuando, en grande medida, en nome da liberdade individual e da autorrealización mediante o consumo. Mesmo os partidarios do vello Estado burocrático prusiano do século XIX, como Hegel ou Goethe, insistían en que as súas medidas autoritarias se xustificaban porque permitían aos cidadáns estar totalmente seguros nas súas propiedades, e por tanto, ser totalmente libres de facer o que quixeran nas súas casas (xa fose dedicarse ao arte, a relixión, o romance, a especulación filosófica ou sinxelamente decidir qué tipo de cervexa beber, qué tipo de música escoitar ou qué roupas vestir). O capitalismo burocrático, cando surxiu nos Estados Unidos, xustificábase a si mesmo con semellantes criterios consumistas: un podía xustificar esixir que os traballadores abandonasen todo tipo de control sobre as súas condicións laborais se podía garantizarlles unha gama de produtos máis ampla e barata para usar na casa8. Deuse sempre por sentado que había unha sinerxia entre a organización impersoal e tendente ás normas (fora na esfera pública, que na da producción) e a absoluta liberdade de expresión no clube, o café, a cociña, ou o paseo familiar (nun principio, claro, esta liberdade só se deu para os pais de familia; co tempo, rematou outorgándose a todo o mundo).

A herdanza máis fonda do dominio das formas de organización burocráticas ao longo dos últimos douscentos anos é que conseguiu que esta división intuitiva entre os medios técnicos e racionais e os fins basicamente irracionais para os que se empregan pareza algo de sentido común. Isto é así a escala nacional, cando os funcionarios se congratulan de saber dar cos medios máis eficaces de conseguir o destino nacional co que os gobernantes do país soñan, xa se basee na excelencia cultural, a conquista imperial, o establecemento dunha orde social realmente igualitaria ou na aplicación literal da lei bíblica. E é igualmente certo no plano individual, no que todxs damos por sentado que os seres humanos saen ao mercado tan só para calcular o xeito máis eficaz de enriquecerse, pero unha vez teñen os cartos, non hai xeito de saber qué poden querer facer con eles: comprar unha mansión, un coche de carreiras, dedicarse persoalmente á investigación de abduccións por ovnis ou sinxelamente dar o diñeiro aos propios fillos. Semella todo tan obvio que nos resulta difícil lembrar que, na maioría das sociedades humanas que exisiron, historicamente, unha división así non tería ningún sentido. En case todas as épocas e lugares, asumíase que o xeito en que alguén se desempeñaba nalgo era a expresión definitiva de quen era9. Pero tamén semella que no momento no que un divide o mundo en dúas esferas (a da mera competencia técnica e un mundo aparte de valores definitivos) cada esfera rematará, inevitabelmente, por invadir á outra. Hay quen dirá que a racionalidade, ou mesmo a eficacia, son en si mesmas valores, e que deberíamos crear dalgún xeito unha “sociedade racional” (o que queira que sexa que iso signifique). Outros insistirán en que a vida debe convertirse en arte, ou mesmo máis: en relixión. Pero todos estes movementos se basean na premisa da mesma división que aseguran superar.

A grandes rasgos pouco importa, pois, que un busque reorganizar o mundo en función da eficiencia burocrática ou da racionalidade do mercado, as asuncións fundamentais son as mesmas. Isto contribúe a explicar por qué resulta tan doado saltar da unha á outra, como aqueles funcionarios ex-soviéticos que pasaron tan alegremente de apoiar o control total da economía por parte do Estado á mercantilización absoluta (e no proceso, fieis á lei de ferro, buscaron o xeito de aumentar drasticamente o número total de burócratas no seu país10). Ou como ambas poden fundirse nun só e indistinguible todo, como na actual era da burocratización total.

Para calquera que fora algunha vez refuxiado, ou que, por calquera outra razón, tivera que encher a solicitude de corenta páxinas exixida para que a filla dun puidera ser admitida nunha academia musical de Londres, a idea de que a burocracia poda ter algo que ver coa racionalidade (menos aínda coa eficacia) pode parecer extraña. Pero é o que semella desde arriba. En realidade, desde dentro do sistema, os algoritmos e fórmulas matemáticas desde os que se avalía o mundo convírtense, en definitiva, non en medidas de valor, senón na fonte mesma dese valor11. Grande parte do que fan os burócratas, ao fin e ao cabo, é avaliar cousas. Están continuamente valorando, auditando, medindo, sopesando os méritos relativos de diferentes plans, propostas, solicitudes, rutas de acción ou candidatos a promoción. As reformas de mercado non fan senón reforzar esta tendencia. Isto acontece en todos os ámbitos. Os pobres son quen o sinten en toda a súa crueldade, constantemente vixiados por un exército de chupatintas moralistas que vixian as súas capacidades para criar fillos, inspeccionan as súas alacenas para ver se realmente conviven coas súas parellas, determinan se se esforzaron o suficente por atopar un emprego ou se as súas enfermidades son o suficentemente graves para impedirlles realizar un traballo físico. Hoxe en día todos os países ricos empregan lexións de funcionarios cuxa función primordial é facer que a xente pobre se sinta mal por selo. Pero a cultura da avaliación é mesmo máis invasora no mundo hipercredencializado das clases profesionais, nas que reina a cultura da auditoría e nada é real se non pode ser cuantificado, tabulado ou introducido nalgunha interfaz ou informe quincenal. Non só este mundo é un produto final da financialización, é que en realidade é unha continuación dela. Que é o mundo da titulación de derivados, obrigas de débeda garantidas e outros exóticos instrumentos financeiros polo estilo senón a apoteose do principio de que o valor é, ao fin e ao cabo, un produto do papeleo; a cimeira mesma dunha montaña de formularios de avaliación que comeza co irritante asistente social determinando se eres realmente o suficentemente pobre como para merecer un cheque para as mediciñas do teu fillo, e remata en homes traxeados apostando a toda velocidade sobre canto tardarás en non poder pagar a túa hipoteca?

O proceso de financialización implicou que unha proporción cada vez maior dos beneficios privados procedan dalgún tipo de extracción de rendas. Dado que, ao fin, isto é apenas pouco máis que extorsión legalizada, acompáñase dunha acumulación cada vez maior de normas e regulación, e cada vez máis sofisticadas e omnipresentes ameazas do uso da forza física para que se cumplan.

Unha crítica da burocracia adatada aos tempos que corren debería amosar todos estes fíos (financialización, violencia, tecnoloxía, a fusión do público co privado) unidos nunha soa telaraña autosostible. O proceso de financialización implicou que unha proporción cada vez maior dos beneficios privados procedan dalgún tipo de extracción de rendas. Dado que, ao fin, isto é apenas pouco máis que extorsión legalizada, acompáñase dunha acumulación cada vez maior de normas e regulación, e cada vez máis sofisticadas e omnipresentes ameazas do uso da forza física para que se cumplan. En efeito, son tan omnipresentes que xa non nos decatamos de que nos están ameazando, dado que non podemos imaxinar cómo sería de non ser así. Ao mesmo tempo, unha parte dos beneficios da extracción recíclanse para seleccionar parte das clases profesionais, ou para crear novos cadros de chupatintas burócratas corporativos. Isto contribúe a un fenómeno que xa describín con anterioridade: o contínuo crecemento, nas últimas décadas, de traballos “falsos”, aparentemente sen sentido, de quentar a cadeira (coordendores de visión estratéxica, asesores de recursos humanos, analistas legais, etc), pese a que mesmo quen ocupan eses postos están convencidos en segredo, a metade das veces, de que non contribúen en nada á empresa. Ao fin, é tan só unha extensión da lóxica básica de realiñamento de clase que comezou nos anos setenta e oitenta conforme as burocracias corporativas convertíanse en extensións do sistema financeiro.

Cada certo tempo aparece unha oportunidade de ver un exemplo que o liga todo. En setembro de 2013 visitei unha fábrica de té nos arredores de Marsella que se atopaba, naquel momento, ocupada polos seus traballadores. Chegárase a un punto morto coa policía local desde facía un ano. Que acontecera para chegar a ese extremo? Un traballador da fábrica de mediana idade, que me guiou pola planta, explicoume que aínda que evidentemente o problema era a decisión de trasladar a fábrica a Polonia, para beneficiarse da man de obra máis barata, o problema crucial tiña que ver coa reinversión dos beneficios. O máis antigo e experimentado do centenar aproximado de traballadores de alí pasara anos trasteando e mellorando a eficacia das xigantescas máquinas empregadas para embalar bolsiñas de té. A produción aumentara, e con ela os beneficios. E sen embargo, que fixeron os donos co diñeiro extra? Outorgaron aos traballadores un aumento para recompensar a maior produtividade? Nas keynesianas décadas dos cincuenta e os sesenta case seguro que o terían feito. Xa non. Contrataron máis traballadores e expandiron a produción? Tampouco. O que fixeron foi contratar cadros intermedios.

Durante anos, explicou, só houbera dous executivos na fábrica: o xefe e un encargado de recursos humanos. Conforme os beneficios aumentaban, cada vez apareceron máis homes en traxe, ata que houbo case unha ducia. Todos eles tiñan elaborados cargos pero case nada que facer, así que pasaban unha grande parte do tempo paseándose polas pasarelas mirando aos traballadores, ideando métricas coas que medilos e avalialos, escribindo plans e informes. Finalmente, deron coa idea de trasladar todo ao extranxeiro (en parte, especulaba el, porque deseñar o plano creaba unha excusa para a súa existencia, aínda que, engadiu, probabelmente algo influiu que, aínda que os obreiros perderían os seus postos de traballo, aos executivos que deseñaron o plano recolocaríannos nunha empresa máis atractiva). Os traballadores non tardaron moito en ocupar o edificio e o perímetro cedo estuvo infestado de axentes de policía.

 

NOTAS (continúase a numeración da 1ª parte):

5. Chámase así o período inmediatamente posterior á guerra de Secesión estadounidense (1865-1890). O nome ven dunha frase de Mark Twain para ridiculizar unha era de tremendos conflitos sociais revestida de falso benestar e ostentación.

6. Sería interesante comparar esta campaña co esforzo, igualmente ben financiado, por promulgar ideoloxías de libre mercado nos anos sesenta e setenta, e que comezou coa fundación de think-tanks como o American Enterprise Institute. Este último parece ter surxido dun pequeno sector das clases capitalistas e ter tardado moito máis en conseguir amplos efeitos na opinión pública, se ben ao fin tivo igual, ou mesmo máis éxito.

7. Non hai tradución para o termo orixinal de Graeber, robber barons, un apelativo pexorativo para certos industriais de finais do século XIX e principios do XX que se distinguían por práticas de explotación e abuso contra os seus traballadores. (NdoT.)

8. Mesmo a burocracia soviética combinaba unha celebración do traballo co compromiso a longo prazo de crear unha utopía consumista. Debería sinalarse que cando a administración Reagan, nos oitenta, deixou en efeito de ordear o cumprimento das leis antimonopolio, fíxoo cambiando o criterio de aprobación de fusións, de «se opera como unha restricción ao mercado» a «se beneficia ao consumidor». En consecuencia, a economía estadounidense vese dominada, na maioría dos seus sectores, desde a agricultura á venda de libros, por uns poucos monopolios ou oligopolios burocráticos xigantescos.

9. De igual xeito, no mundo clásico, ou na cristiandade medieval, era case imposíbel ver a racionalidade como unha ferramenta, porque se trataba, literalmente, da voz de Deus.

10. Número total de funcionarios en Rusia en 1992: 1 millón. Número total en 2004: 1,24 millóns. É especialmente rechamante tendo en conta que grande parte desta época se distinguiu por unha caída libre económica, de xeito que había moita menos actividade que administrar.

11. Esta lóxica é análoga ás nocións marxistas de fetichismo, nas que as creacións humanas semellan cobrar vida e controlar aos seus creadores, no canto de ser ao revés. Probabelmente considérase unha subespecie do mesmo fenómeno.

This entry was posted in Ferramentas teóricas, Reflexión e análise. Bookmark the permalink.