A nova anormalidade. Un suave golpe de Estado – Miguel Amorós

*nota: non comulgamos moito co uso da palabra “negacionista” que fai o autor, pero polo seu interese, traducimos igualmente o artigo. Á marxe da proliferación de hipóteses que aproveitan a confusión para introducir plantexamentos propios de posicións totalitarias, consideramos que ese termo adoita empregarse habitualmente para estigmatizar a crítica e desacreditar xustamente argumentos na liña dos mesmos que se expoñen no artigo.

Non é seguro que esteamos ante unha “segunda ola”, pero o certo é que estamos ante un verdadeiro golpe de estado. Pola vía da excepción ábrese un segundo capítulo na implantación dunha ditadura sanitaria destinada a perdurar.

Ler o artigo:

A catástrofe non só é a promesa de desgraza feita pola civilización industrial, é xa o noso presente inmediato. Confírmao o alarmismo dos expertos ante a posibilidade anunciada aos catro ventos dun colapso do sistema sanitario. Ao decretar o fin do estado de alarma anterior, os gobernantes tentaban evitar a agudización da crise económica. Con todo, a precipitación por sacar a economía do confinamento conduciu ao contrario: os rebrotes do virus non tardaron en vir, ou polo menos é o que din as estatísticas de interesados estudos científicos. Segundo deixan entrever os medios de desinformación, a xestión efectiva da pandemia non puido ser máis desastrosa, pois aínda que unha sociedade de consumo non é capaz de sobrevivir cunha economía semiparalizada, tampouco pode deixar de lado aos consumidores. O seu grao de dispoñibilidade para o traballo e o dispendio, ou sexa, o que adoita chamarse saúde, ha de ser satisfactorio. Máis claro: por non dar un salto cara adiante no control social de envergadura suficiente, os dirixentes víronse forzados a dar un paso atrás, proclamando un novo estado de alarma co fin de acollerse a disposicións disciplinarias anteriores, preparadas con restricións inútiles en «actividades non esenciais», toques de queda e confinamentos á carta. Non é seguro que esteamos ante unha “segunda ola”, pero o certo é que estamos ante un verdadeiro golpe de estado. Pola vía da excepción ábrese un segundo capítulo na implantación dunha ditadura sanitaria destinada a perdurar. O paxaro desarrollista coa axuda do virus mediático incuba o ovo da tiranía.

En verdade, as condicións de vida na sociedade do crecemento infinito constitúen unha seria ameaza para a saúde da veciñanza, pero os dirixentes e os seus asesores non expoñen solucións técnicas que non discorran no sentido dos intereses dominantes. O problema é que estes son contraditorios. Hai conflito de potencias e conflito dentro delas. As estruturas de poder estanse reconfigurando a escala mundial ante as crises vindeiras que o choque de intereses está a expor. Articúlanse de novo os Estados, o capitalismo e a tecnociencia -a megamáquina- con previsibles malas consecuencias para a poboación, da cal unha parte cada vez maior xa resulta inútil para o sistema. Trátase de xestionar excedentes, tecnicamente, ben por guerras, ben mediante enfermidades infecciosas. Se o que se persegue é a obediencia incondicional, o medo, e en casos graves, o terror, é a ferramenta necesaria de goberno.

No caso concreto da pandemia, todo consistiría en encaixar a saúde coa economía convertendo aquela nunha oportunidade de tecnificación e desenvolvemento. A custosa sanidade pública deixaríase tal como está, é dicir, semidesmantelada. Os medicamentos caros e as vacinas milagreras serían o primeiro obxectivo da industria farmacéutica, a máis corrupta, e por suposto, dos gobernos. Acompañadas por medidas profilácticas como o lavado de mans, o saúdo con cóbado, o pago con tarxeta, a máscara, a distancia, a ventilación, o silencio e pronto o carné de inmunidade, abrirán paso ao control xeral. Pero para que a poboación obedeza os consellos que brinda a farmacopea do espectáculo, urxe unha submisión servil, e aí está o problema: ninguén cambia alegremente os seus hábitos sociais polo illamento sen sentido por máis que o ordenen as autoridades. Situacións supostamente alarmantes requiren doses superiores de catastrofismo e gran despregamento policial. A dominación ha de recorrer primeiro ao medo e logo, se iso non funciona con todos, á forza. Politicamente, iso significa a supresión das aparencias democráticas do parlamentarismo en prol do autoritarismo típico das ditaduras, cuxa eficacia agora depende dun control dixital absoluto. En efecto, a supresión das liberdades formais (de circulación, de reunión, de manifestación, de residencia, de prescrición médica, etc.) que garanten as constitucións, o «rastrexo», as multas e o fomento da delación, teñen moi pouco que ver co dereito á saúde e moito coa remodernización do poder á que non é allea a perda de confianza dos gobernados, que, ante a duplicidade, a ineptitude e a irresponsabilidade dos gobernantes, incorren con desenvoltura na desobediencia. E posto que a soberanía chamada popular alá onde reina a mundialización non reside realmente no pobo, considerado un ser irracional que debe ser neutralizado, senón no Estado, fiel executor dos designios das altas finanzas, o despotismo é a resposta natural do poder á perda de lexitimidade. Ao separar a gobernanza do dereito mediante decretos ad hoc de legalidade cuestionable, o Estado cobra á poboación a peaxe dunha pretendida crise que confesa non saber conxurar, pero da que culpa ao “comportamento incívico” de determinados sectores, principalmente xuvenís. Se non houbese resistencia a tanto abuso, a vida social acabaría recluída no espazo virtual e o único democrático que permanecería en pé sería o contaxio.

O último libro de Vaneigem empeza así: «Desde os días sombríos que iluminaban a noite dos tempos, soamente era cousa de morrer. De agora en diante trátase de vivir. Vivir en fin, é reconstruír o mundo». Literalmente, a situación empuxa a unha reacción colectiva contra a privatización, a artificialización e a burocratización en defensa da vida, estreitamente ligada á defensa da liberdade. O que mata á unha (o Estado, o Capital), mata á outra, polo que tal defensa empeza pola desobediencia civil aos ditados de ambos. Eles son o verdadeiro perigo, e non o virus. A reacción desobediente contra todas as imposicións constitúe nestes momentos o eixo da loita social, pero desobedecer non é suficiente: fronte á confusión fomentada polo poder, hai que reivindicar a verdade. Convén evitar custe o que custe que a protesta sexa desacreditada polas alucinacións do complotismo e o negacionismo. As fisuras que se están producindo no consenso científico poden contribuír a iso.

A respeito da pandemia, a primeira norma da autodefensa aconsella gardar distancias hixiénicas co Estado e ir á autogestión da sanidade. O coronavirus, arma do Estado, tamén podería usarse na súa contra. Non interesa unha sanidade pública porque depende do Estado e as súas filiais autonómicas, senón un sistema de saúde en mans de colectivos compostos por persoal sanitario, usuarios e enfermos. A cuestión consiste menos en crear clínicas alternativas na órbita da economía social -opción tampouco descartable-, que en arrebatar ao Estado a xestión dunha mediciña que se quere a escala humana, é dicir, descentralizada e próxima. Nada será posible sen sostidos estouridos de cólera que poñan en movemento a masas insumisas fartas de sufrir a torpe manipulación das autoridades e os seus estúpidos confinamentos. Mellor afrontar as consecuencias da súa insubordinación que vivir baixo a férula de executivos ignorantes e tecnócratas embusteros. Nun mundo determinado polo traballo morto e devorado por unha psicose inducida desde os medios, que sexan cada vez máis os cordos que tomen partido pola natureza, liberdade, a verdade e a vida.

A bolsa ou a vida! Ou o caos económico e sanitario, ou o fin da dominación. Ou as enganosas comodidades cada vez mais constreñidas dunha economía mortífera, ou a aventura dunha existencia soberana, esa é a cuestión. As protestas conscientes da vida cotiá han de ter como horizonte un mundo antidesarrollista, non patriarcal, sen polución, sen alimentos industriais, sen lecer de fábrica, sen lixo, desglobalizado e desestatizado. Se nos detemos de novo na saúde, lembremos que para propagarse, os virus requiren unha poboación numerosa, densa e en perpetuo movemento. Pola contra, os agrupamentos pequenos e tranquilos non padecen enfermidades epidémicas. O hacinamiento e a hiperactividade promoven a transmisión -condiciones que se dan óptimamente nas metrópoles-, así como tamén os desprazamentos masivos debido ás fames negras, as guerras e o turismo. Razóns de máis para que o mundo a reconstruír sexa un agregado de pacíficas comunas autosuficientes maiormente rural, desmotorizado, desurbanizado e desmilitarizado.

Miguel Amorós

12 de novembro de 2020

Traducido de:
https://kaosenlared.net/la-nueva-anormalidad-un-suave-golpe-de-estado/

Unha entrevista máis recente ao mesmo autor aquí

This entry was posted in Reflexión e análise. Bookmark the permalink.