Segunda ola: outro Confinamento, outra Rebelión

“O que as revoltas do sur de Europa nos contan da Pandemia e o Estado”

Traducimos uns anacos desta recopilación do colectivo estadounidense Crimethinc. na que “anarquistas situados arredor do Mediterráneo -en España, o sur e o norte de Italia, Eslovenia e Grecia- informan sobre a forma en que as políticas gobernamentais de resposta á pandemia repercutiron nas súas comunidades e describen como respondeu a xente.”.

Pensamos que malia ser perspectivas que nos chegan de rebote desde a distancia, sinalan con certeza algunhas cuestións importantes do noso confuso contexto. Traducimos tamén algúns fragmentos sobre a situación en Italia, cun contexto bastante semellante ao do Estado Español, pero cunha maior resposta social:

Nos Estados Unidos, a oposición liberal á candidatura de Donald Trump para a reelección cristalizouse ao redor da súa resposta á pandemia COVID-19, con millóns de persoas acusando o seu goberno de non facer o suficiente para conter a propagación do virus. Con todo, en Europa, onde os gobernos adoptaron un enfoque máis práctico, os seus esforzos tamén provocaron o descontento popular, xa que a gran maioría das súas intervencións centráronse na ampliación do poder da policía, non na extensión dos recursos aos que loitan por sobrevivir ao virus e á crise económica. (…)

» Continuar a ler:

Mentres que nos Estados Unidos as manifestacións para pedir a reapertura da economía foron simplemente un veículo para que a extrema dereita, os teóricos da conspiración e os negadores da ciencia fixeran avanzar a axenda capitalista, a historia en Europa é máis complicada. Do mesmo xeito que o movemento Gilets Jaunes en Francia, a maioría das protestas en todo o sur de Europa implican unha mestura contraditoria de pobres apolíticos anoxados, fascistas, esquerdistas e anarquistas -algúns competindo para determinar a forma dos futuros movementos de protesta, outros simplemente reaccionando á violencia do virus, a economía e a policía sen ningunha estratexia ou aspiracións a longo prazo.

Nos Estados Unidos, onde case 250.000 persoas morreron como consecuencia das políticas macabras e cínicas do goberno, foi bastante sinxelo enmarcar unha dicotomía entre a autoorganización, a protesta e a vida por unha banda; e o goberno, o capitalismo e a morte polo outro. En Europa, isto foi moito máis complicado, xa que os gobernos centristas tratan de presentar unha dicotomía diferente, contrapoñendo a austeridade, a obediencia e a vida por un lado; ao control, a protesta e a morte; asociando a liberdade á irresponsabilidade, mesmo cando fan a vida case imposible para os pobres e sentan precedentes para lexitimar novas formas de control estatal invasivas e de gran alcance. Isto presenta cuestións espiñentas que cedo ha de confrontar tamén a xente nos EEUU.”

 

Estado Español:

“Debido á saturación da economía turística, España foi un dos primeiros países europeos nos que a COVID-19 estendeuse fóra de control. A resposta do Estado español á pandemia, que comezou a mediados de marzo, caracterizouse por medidas de control centralizadas e unha forte intervención estatal, incluíndo un estrito peche que confinou á xente nas súas casas. O bloqueo aplicouse rigorosamente; a policía impuxo centos de miles de elevadas multas e realizou miles de detencións. O número de infeccións diminuíu rapidamente, pero non antes de que morresen 30.000 persoas, debido en gran parte ao hacinamiento nas vivendas e á mala calidade do sistema de saúde pública español, destripado por anos de medidas de austeridade.

España, como estado postfascista, presenta un marcado contraste cos Estados Unidos. Nos EE.UU., o goberno federal estaba en gran medida fóra de control; a resposta do Estado á pandemia foi unha especie de intervención necropolítica de abandono estrutural, que matou a un grande número de persoas pobres e racializadas. En España, o goberno tomou a pandemia como unha oportunidade para aumentar o poder centralizado. Durante polo menos un mes, España foi un estado policial no sentido estándar do termo: non se podía saír ao exterior a menos que se tivesen os papeis de permiso, para pasear ao can perto de casa ou para comprar alimentos.

O enfoque do goberno español ante a pandemia cambiou drasticamente en maio e xuño, despois de que o número de mortos nos EE.UU. superase as 100.000 persoas. As políticas dos Estados Unidos baixaron o listón para outros países, desensibilizando ao público ante os recontos masivos de mortes e redefinindo o que constituía unha resposta aceitábel de saúde pública. En España, coa esquerda no goberno e a dereita enfocando a súa ira contra o peche, había poucas posibilidades dunha debate nos medios maioritarios ao redor da prioridade da asistencia sanitaria, xa que os socialistas foran cómplices das medidas de austeridade e a actual coalición gobernante de socialistas máis Podemos non fixera moito espazo na súa axenda para a asistencia sanitaria.

En consecuencia, en maio e xuño, o goberno comezou a promover unha rápida, prematura e case total “reapertura”, sendo unha das únicas medidas preventivas mantidas o requisito da máscara. Unha das principais razóns disto foi o urxente desexo de reiniciar a economía a tempo para os meses principais da tempada turística española, que agora dura todo o ano. O turismo constitúe unha proporción máis alta do PIB español (12%) que en case calquera outro país da Unión Europea – case cinco veces o que é nos EE.UU..

En agosto, despois de que a taxa de mortalidade se reducira case a cero, as infeccións comezaron a aumentar de novo, posteriormente exacerbadas polo regreso á escola. Agora estamos no medio dunha segunda onda con algunhas das taxas de transmisión máis altas do mundo. As mortes seguen sendo baixas, pero nalgúns lugares, as unidades de coidados intensivos dos hospitais están case desbordadas.

Madrid foi o epicentro da segunda onda. Antes de que intervira o goberno central, o goberno de dereitas da cidade despregou un confinamento selectivo nos barrios máis pobres; coma no primeiro confinamento, os militares foron enviados ás rúas para axudar na aplicación da lei. Isto senta un precedente ominoso para as medidas de aplicación selectiva dirixidas ao público en función da clase.

A finais de outubro, o goberno central declarou o estado de emerxencia prorrogable até maio de 2021, con toques de queda nocturnos, limitacións estritas ás reunións, peche de bares e restaurantes e, nalgunhas rexións, a proibición de viaxar entre municipios, xa sexa os fins de semana ou durante toda a semana.

Ao mesmo tempo, as medidas de asistencia social foron febles. Os empregadorxs poden utilizar a pandemia como escusa para despedir axs traballadorxs, xa que o goberno faise cargo da conta dos beneficios de desemprego, pero o goberno non proporcionou os recursos necesarios para xestionar o aumento das solicitudes de desemprego, polo que moitas das persoas que foron despedidas esperaron meses sen ver un céntimo. Mentres tanto, os empregadorxs usaron este programa para despedir ás persoas involucradas en actividades sindicais.

A dereita mobilizouse para culpar aos traballadores agrícolas migrantes polos brotes de virus, e houbo casos de campamentos de traballadores agrícolas que foron incendiados. Os desafiuzamentos de vivendas continuaron sen diminuír, con centos deles ocorrendo cada mes nalgunhas das principais cidades.

O estado de emerxencia e os desafiuzamentos foron un punto de ignición para algúns pequenos disturbios a finais de outubro en Barcelona, Madrid, Burgos, e algunhas outras cidades, con algunhas tendas importantes sendo saqueadas. A extrema dereita estivo presente nalgunhas destas protestas e pode ser que organizase algunhas delas, o que levou ao eterno debate sobre se tomar as rúas sempre que teñamos razóns para facelo e facer todo o posible para expulsar á extrema dereita, ou entregar as rúas á extrema dereita porque eles chegaron primeiro.

Por riba de todo, a paz social segue reinando, pero hai moita rabia e desesperación reprimida xusto baixo a superficie.”

 

Desde Italia

“(…) É difícil predicir o que sucederá, pero unha cousa está clara: dada a velocidade dos acontecementos, o que suceda non estará determinado (só) polas institucións políticas organizadas, nin por liñas ideolóxicas estritas. Seguirá sendo heteroxéneo e autónomo, con todas as vantaxes e desvantaxes que iso leva.”

“A necesidade de conter a propagación do virus -que, como todas as crises capitalistas, seguirá afectando e brutalizando de maneira desproporcionada a un submundo xa vulnerable- debe ser conciliada e comprometida simultaneamente coa loita de clases. Os que están no poder seguirán demonizando aos que saen á rúa, á vez que lles negan unha atención sanitaria adecuada ou os medios de supervivencia. Esta situación en Nápoles, do mesmo xeito que en Italia e no resto do mundo, é complicada e dinámica. As loitas continuarán e intensificarán a medida que se achegue o inverno; será vital seguir pensando nestas manifestacións a través da lente da loita anticapitalista, aínda que non todos os participantes sexan explicitamente anticapitalistas ou antiestatistas. Por iso publicamos esta breve nota, para proporcionar un contexto que disipe o mito de que os que están na rúa son puramente “negacionistas” (o termo utilizado para describir aos escépticos de COVID-19 en Italia), en lugar dos que loitan pola súa vida e os seus medios de subsistencia.”

“Algunhas persoas cren que o contexto actual ofrece unha oportunidade para que os fascistas gañen impulso, centrándose nesta ameaza a risco de pasarse. Mirando a través doutra lente, considerando a situación desde a perspectiva da posibilidade, tamén poderiamos argumentar que o escenario actual ofrece un terreo fértil: a xente está a reaccionar contra os debates económicos, valoran máis as relacións humanas despois de meses de abstinencia, mostran un gran interese en utilizar o espazo público como escenario político. Os movementos sociais deberían saír das súas zonas de confort para facer fronte aos estraños desafíos destes tempos, ofrecendo experiencia en lugar de solucións fixas.”

 

 

“Estamos esperando a que a sociedade explote. Estamos esperando a que a xente teña suficiente. Recoñecemos os perigos da COVID-19, pero negámonos a aceitar as políticas oportunistas de “lei e orde” do estado actual que realmente non teñen como obxectivo abordar o virus.

É difícil negar que se instaurou un sentimento de depresión. Os días son máis curtos, o clima máis frío, e o futuro é sombrío. Pero se algo vai saír deste virus e deste peche, é que a xente comezará a ver a mortalidade deste sistema, e darase conta de que o estado non pode protexernos, se acaso, está a levarnos cara á nosa morte.

 

*as negriñas son nosas

Orixinal en inglés: Second Wave: Another Lockdown, Another Rebellion
What the Riots around Southern Europe Tell Us about the Pandemic and the State

This entry was posted in Reflexión e análise. Bookmark the permalink.