En xeral, adóitase considerar a técnica e as tecnoloxías como medios ou ferramentas ao servizo do ser humano. Sen embargo, para Jacques Ellul, esta mirada excesivamente antropocéntrica foi incapaz de comprender o fenómeno técnico tal como evolucionou nos últimos séculos. A técnica, di, non debe confundirse nin coas máquinas, nin coas operacións técnicas particulares. A técnica, pola contra, constitúe un fenómeno total, unha orde sistémica que chegou a expandir a lóxica da máquina a todos os ámbitos da vida humana.
“…na nosa civilización, a técnica non está limitada por nada: esténdese a todos os campos e abarca toda a actividade e todas as actividades do ser humano”
Aínda que a técnica orixinouse historicamente como ferramenta para servir ao ser humano na súa loita contra o medio natural, evolucionou até converterse ela mesma no medio ou entorno co cal hai que contar. Pero isto non é todo, para Ellul o fenómeno técnico chegou a independizarse completamente dos fins humanos. Fixo prevalecer a súa propia lei (eficiencia e instrumentalización total) até o punto de transformar ao ser humano nunha mera peza máis dunha inmensa maquinaria.
Da introducción deste artigo asinado por L.M.R.
» Continuar a ler:
Sistema técnico e sociedade en Jacques Ellul: algunhas teses en esquema
1. É un malentendido confundir “técnica” e “máquina”. A técnica “tivo o seu punto de partida na existencia da máquina” e a máquina “é técnica en estado puro”, pero, no esencial, a técnica consiste nunha mentalidade, que procrea un “sistema técnico”, é dicir, nunha forma de considerar a realidade. A máquina é só un instrumento que optimiza o sistema técnico.
2. “A máquina creou un medio antihumano” porque reduciu o humano a unha soa dimensión: a eficacia: “Proletarios e alienados, tal é a condición humana ante a máquina”.
3. A inhumanidade da máquina deriva de que é o ser humano quen ten que adaptarse/someterse a ela e ás súas regras. A máquina rexe ás persoas (sitúa como único parámetro valioso da vida o da eficacia) e non ao revés.
4. En consecuencia hoxe vivimos nun “medio técnico” que non é xa un “medio humano”. O que Toynbee chama “organisation” ou Burnham “managerial action”, é a técnica aplicada á vida social, económica ou administrativa.
5. “A técnica intégrao todo (…) o ser humano non está adaptado a ese mundo de aceiro, ela adáptao”, calquera cousa na vida acábase reducindo a técnica (mesmo o sexo). E finalmente non só hai mecanización das cousas senón das relacións humanas: “a técnica deixa de ser un obxecto para o ser humano e convértese na súa propia substancia”.
6. Non pode distinguirse con claridade entre ciencia (“pura”) e técnica (“aplicada”). Máis ben ao contrario “historicamente a técnica precedeu á ciencia” (exemplos: a roda, a máquina de vapor…). Sucede o mesmo en bioloxía, en psicoloxía, etc. En economía, ciencia económica e técnica económica tamén se confunden: “a ciencia converteuse nun medio da técnica”.
7. “Non é a fronteira da ciencia o que está hoxe en xogo, senón a fronteira do ser humano“. A técnica vive da súa propia expansión, do seu ir conquistando outras fronteiras.”… e nin sequera podemos dicir que asistimos agora ao seu pleno desenvolvemento. Contrariamente, é previsible que queden aínda conquistas decisivas -o ser humano entre outras-, e non descubrimos o obstáculo capaz de impedilas”.
8. O fenómeno técnico diversifícase e estende en “tres grandes sectores de acción da técnica moderna”: (a): técnica económica, (produción, traballo, planificación), (b) técnica da organización (desde o ámbito xurídico ao militar), e (c) técnica do home (“cuxas formas de organización son moi diversas, desde o medicamento e a xenética até a propaganda, pasando polas técnicas pedagóxicas, a orientación profesional, a publicidade, etc. Nelas o obxecto da técnica é o propio ser humano”).
9. En tal sentido a técnica non é democrática, senón totalitaria: ocupa a totalidade do mundo sen solicitar ningunha opinión aos humanos e impóndose pola súa propia forza. “A técnica fúndese co Estado” porque “toda a administración non é máis que unha máquina“.
10. Non existe autonomía da política ante a técnica. A técnica converte a “a administración en aparello os funcionarios en obxectos e a nación en campo de operacións”.
Ramón Alcoberro (fonte)
[Os termos entrecomillados pertencen ao cap. I -“Técnicas”, p. 7-27 (tese de 1 a 8) e ao cap. IV -“A técnica e o Estado”, p. 268-269 (tese 9-10), do libro de Jacques Ellul: La Edad de la Técnica. Barcelona: Ed. Octaedro, 2003]
Concluimos cunha cita de Bertrand Louart, tirada do artigo Tecnoloxía contra civilización:
“A tecnoloxía é a Ideoloxía Materializada por excelencia, suplantou a todas as demais porque é, inmediatamente, a materialización en actos e a actividade que materializa a razón abstracta, é dicir, a visión e os presupostos metafísicos da ciencia sobre a natureza e as persoas que foron de maneira subxacente o fundamento de todas as ideoloxías particulares. É a culminación do ideal cientifista nacido co capitalismo, segundo o cal o mundo está rexido por leis precisas e rigorosas “cuxo secreto a ciencia pode arrincar á natureza” para instruír aos seres humanos e facer finalmente racional a súa existencia e o seu comportamento. (…)
O punto de vista desde o que formulamos o noso xuízo crítico sobre a tecnoloxía é pois moi simple: o da razón concreta que non considera de maneira illada os feitos e os fenómenos, e que tampouco se fixa simplemente nas consecuencias aparentes e inmediatas dos actos, senón tamén no contexto social e histórico no que apareceron e que lles dá o seu sentido, é dicir, ao mesmo tempo a significación que poden ter para as persoas e a dirección cara á que poden desviar os acontecementos ulteriores.”
fotograma do documentario O dilema das redes (subs aquí)