Os riscos das novas formas dixitais de vixilancia sanitaria

Traducimos un breve artigo, escrito desde Francia pero con moitas chaves para comprender a escalada de control que estamos a vivir en toda Europa. Foi orixinalmente publicado en The Conversation e nós atopámolo no diario catalán VilaWeb.

Nas últimas semanas vimos de ver como avanza a implementación dos certificados sanitarios nalgúns países de Europa, sendo respondida con amplas protestas en Francia, Italia ou Grecia. Desde o 21 de xullo súmase tamén a Xunta de Galicia, como autonomía “pioneira” dentro do Estado Español. Mentres tanto, o goberno de Pedro Sánchez evita temporalmente o tema, aínda que xa se admite que probablemente tamén o implemente despois do verao (para non perxudicar á campaña turística).

Bástalles un test positivo nos 3 meses anteriores á morte para botarlle a culpa á Covid dun falecemento, e mesmo así as mortes-Covid non deixan de baixar desde maio… Pero os Estados non soltan o poder excepcional que foron acumulando. Máis ben ao revés: a campaña de control social no cesa no seu avance. Que máis agardamos para tomar partido?

Cadeiras en Tel Aviv (Israel), que despois foron retiradas xa que “non pretendían segregar á poboación”, senón que se debía supostamente a unha mala traducción do hebreo

As consecuencias directas da crise sanitaria sobre as nosas sociedades e os nosos estilos de vida foron especialmente visibles á hora de restrinxir os nosos movementos, substituír a presenza física pola xa recoñecida “distancia” ou mesmo abandonar os abrazos tradicionais.

Con todo, nos últimos meses produciuse outra transformación, menos evidente pero igual de importante: a chegada de novas formas dixitais de control e vixilancia, e a súa extensión ao biolóxico.

Entre as ferramentas utilizadas polo goberno francés (e moitos outros) para tentar combater a propagación da epidemia, as medidas baseadas nestas técnicas foron realmente numerosas.

Novos arquivos de seguimento

Desde o inicio da crise sanitaria, creáronse varios ficheiros que permitiron, de forma inédita, a xestión a gran escala da localización de contactos. Ademais, creouse unha aplicación coa mesma finalidade, primeiro chamada StopCovid e logo TousAntiCovid.

Tamén se realizaron numerosos experimentos de videovixilancia, tratando de detectar aos pacientes pola súa calor corporal, ou para comprobar que levaban as máscaras. Por último, e máis recentemente, a creación do pase sanitario e a súa xeneralización completaron esta continuidade ao integrarse na “Nova Normalidade”.

A partir disto, pódense facer varias observacións sobre a nosa relación coa tecnoloxía, pero tamén sobre a aceptabilidade social destas medidas de vixilancia.

 

Unha nova aplicación do solucionismo tecnolóxico

En primeiro lugar, era absolutamente necesario o uso de dispositivos dixitais? Se ben esta pregunta formulouse cando comezou o rastrexo de contactos, os debates centráronse rapidamente nas cuestións técnicas, e a cuestión estivo case ausente no sucesivo.

O “solucionismo” tecnolóxico atopou aquí unha nova aplicación: ante unha dificultade importante, biolóxica e por tanto difícil de controlar, o uso da tecnoloxía dixital parece obvio.

Con todo, ningunha das tecnoloxías utilizadas por estes dispositivos é neutral. Cando se instalan cámaras de vixilancia no metro de París para comprobar que os usuarios levan máscara, hai que ter en conta todo: que cámaras se utilizan e quen as fabrica? Onde se envían os datos e quen os trata? Que ocorre coas imaxes filmadas e os resultados? A CNIL (Comisión da Informática e das Liberdades) está moi atenta a estas cuestións.

Estas cuestións, sobre todo as relativas á intimidade e o tratamento dos datos persoais, pero tamén aos riscos de conflito entre os intereses privados e públicos, son intrínsecas ao uso destas tecnoloxías, pero que poucas veces se plantexan no debate público. Aínda que é certo que xa existían sistemas de seguimento dos casos positivos para determinadas enfermidades, a creación sen precedentes de ficheiros nacionais e centralizados para o coronavirus non é trivial.

Ferramentas de control sen precedentes

Máis fundamentalmente, estes sistemas aparecen sobre todo como ferramentas de control e vixilancia dos individuos, a un nivel que probablemente non teña parangón nas nosas sociedades modernas, polo menos a tan grande escala. A recente xeneralización do pase sanitario a moitos lugares culturais ou sociais sistematiza así a idea dun control sen precedentes, xa que é aplicado esencialmente por quen non adoitan ter este poder (xerentes ou directores de establecementos, por exemplo), por tanto, polos propios cidadáns. A “sociedade de vixilancia” pode atopar aquí unha nova tradución. O espazo público perde un pouco máis do seu anonimato.

Con todo, a idea do control a través da tecnoloxía non é nova. No ámbito da seguridade, plasmouse desde hai varios anos no desenvolvemento dos ficheiros policiais, pero tamén das ferramentas de vixilancia a disposición das forzas de policía xudicial e administrativa. Tamén é apoiada polas grandes empresas dixitais (que fan dela a fonte da súa rendibilidade, grazas ao desenvolvemento do “capitalismo da vixilancia” denunciado por Shoshana Zuboff).

O triunfo da biopolítica

A perspectiva orixinal dos procesos actuais atópase entón quizais no seu estreito e novo vínculo coa dimensión biolóxica. A través destas ferramentas, a política está a apoderarse un pouco máis do que está en xogo na saúde, non á maneira dos séculos pasados exercendo un control directo sobre o corpo, senón a través dunha forma máis insidiosa de control, de “biovixilancia”.

Estes dispositivos convértense así nos da “biopolítica” exposta por Michel Foucault a finais do século pasado. Xa non se trata do corpo individual, senón da “multiplicidade das persoas como masa global afectada por procesos de conxunto propios da vida”, é dicir, é dicir, á poboación concebida coma un todo.

A tecnoloxía permite responder a estes imperativos, xa que garante que se teña en conta á poboación no seu conxunto, reducíndose cada individuo a un conxunto de datos que poden xestionarse de forma case automática.

 

Cooperación plena e consciente do individuo

Neste equilibrio, o papel dos “nudges” non debe ser descartado. Participan plenamente na vixilancia asegurando a plena cooperación do individuo e evitando no posible o uso da coerción.

Se a vacinación non é obrigatoria, a presentación do pase sanitario si que o é. Máis sutilmente, se o uso da aplicación TousAntiCovid non é estritamente necesario, todo facilítase para o seu usuario. Ademais, a comunicación das cifras de descarga é tamén un empuxón en si mesmo, xa que anima á xente a utilizala.

Todas estas ferramentas parecen ser especialmente intrusivas. Poucas veces tantos dispositivos de control e vixilancia afectaron a unha parte tan grande da poboación. Con todo, a súa aceptación social progresou moi rapidamente.

Neste punto, o exemplo do pase sanitario é especialmente revelador: de ser unha medida impensable no verán de 2020, pasou a ser case obrigatoria un ano despois.

 

O fenómeno da habituación

Os nudges non son a única razón desta aparente falta de protesta. É o fenómeno da habituación (o termo é utilizado en particular polo sociólogo Armand Mattelart) o que debemos observar, facilitado pola impaciencia de saír por fin da crise de saúde e a volta á vida anterior longamente prometida. A tecnoloxía está en todas partes na nosa vida cotiá, e as medidas de vixilancia, xa sexan sanitarias ou de seguridade, tamén se están convertendo en algo habitual. O expediente sanitario convértese nun de tantos, o pase sanitario nun control máis durante os xa tediosos pasos fronteirizos, mentres que a aplicación atopa o seu lugar entre todas as que se instalan cada día nos nosos teléfonos.

Fronte a esta evolución, as murallas legais amósanse a miúdo bastante impotentes: repetidos estados de emerxencia, ausencia de poder de veto por parte da Comisión Nacional de Informática e Liberdades (CNIL, encargada de controlar as ferramentas dixitais e protexer os datos persoais), modificacións lexislativas periódicas e tímida actuación do Consello Constitucional.

A técnica do “pé na porta”

Esta observación é aínda máis certa se se ten en conta o uso frecuente da técnica de marketing do “pé na porta”. Se o pase sanitario foi validado pola CNIL e o Consello de Estado, é sobre todo grazas ao seu alcance limitado. Con todo, uns meses despois, ampliouse o seu alcance. Demasiado tarde: a ferramenta xa está instalada.

A mesma técnica xa se utilizou para a aplicación TousAntiCovid, cuxas funcionalidades non fixeron máis que aumentar, e é amplamente utilizada para determinados arquivos de seguridade.

Este hábito pode ser perigoso. Conduce a un desprazamento gradual da barreira do intolerable, e á aceptación de máis e máis dispositivos de vixilancia nas nosas vidas.

Aínda que é certo que o período excepcional pode justificar certas infraccións das liberdades e novas ferramentas, non cabe dúbida de que hai que lembrar aquí máis que nunca os riscos do efecto “trinquete”, ben coñecido en materia de seguridade, que prohibe calquera marcha atrás.

Teñamos coidado de que todos estes dispositivos, entre tecnoloxías e biopoderes, non cren un perigoso precedente ao constituír un paso máis cara a unha sociedade de control, na que o risco, inherente a todo sistema liberal, parece ser cada vez menos tolerado.

“As liberdades ás que estás renunciando hoxe son as liberdades que xs túas netxs non saberán que existiron” (anónimo)

This entry was posted in Ferramentas teóricas, Reflexión e análise. Bookmark the permalink.