Estudo coreano sinala que o omeprazol, un dos medicamentos máis usados no mundo, aumenta o risco de desenvolver Covid19 grave

Sobremedicación e Covid

O ano pasado, un grupo de Corea do Sur investigou unha posible asociación entre a exposición aos inhibidores da bomba de protones (abreviados como IBP; omeprazol, lansoprazol, esomeprazol, pantoprazol, rabeprazol…), e a gravidade da Covid nun grupo de adultxs que deron positivo ás provas para a nova enfermidade.

Estes medicamentos empréganse para reducir a acidez estomacal que se pode dar por diferentes motivos. Unha causa importante de acidez e úlceras, e para o cal se prescriben IBP en moitos casos, é a administración oral doutros medicamentos. Na nosa sociedade os hábitos insanos, a contaminación e a exposición química e electromagnética fan que exista actualmente unha auténtica epidemia de enfermidades crónicas (algunhas das cais, como diabetes e obesidade, tamén agravan a Covid). Estas son na maioría dos casos tratadas mediante fármacos. Por outro lado tamén existe moito sobrediagnóstico (ou máis ben deberíamos dicir diagnóstico fraudulento) debido a que as enfermidades crónicas son un apetecíbel negocio para a industria médica, porque implican prescripcións de medicamentos de por vida. Todo isto fai que tamén se consuman moitos inhibidores da bomba de protóns, para paliar a acidez ocasionada polo consumo doutras cápsulas e comprimidos.

» Continuar a ler:

No artigo científico que nos atinxe, agora disponible online na web do British Medical Journal, podemos ler:

“Os pacientes que toman IBP corren un maior risco de sufrir resultados clínicos graves de COVID-19, pero non son máis susceptibles á infección por SARS-CoV-2. (…)

Entre os pacientes con COVID-19 confirmado, o uso actual de IBP confería un risco 79% maior de resultados clínicos graves de COVID-19, mentres que a relación co uso anterior de IBP seguía sendo insignificante. O uso actual de IBP que comezou dentro dos 30 días anteriores asociouse cun 90% de aumento no risco de resultados clínicos graves de COVID-19.”

Como comentan no boletín científico francés Prescrire, xa se sabía que “o uso de IBP aumenta o risco de desenvolver diversas infeccións, como neumonía, colite pseudomembranosa, listeriose e peritonite bacteriana (infección do líquido ascítico). Os mecanismos suxeridos son os efectos directos sobre certas células inmunitarias e unha maior susceptibilidade a adquirir a infección a través do tracto gastrointestinal debido á redución da acidez gástrica. (…)

Estes resultados constitúen un sinal de seguridade e unha razón máis para non trivializar o uso do IBP, especialmente durante a epidemia de covid 19. Tamén serven para lembrar que o risco de infección debe terse en conta cando se sopesan os beneficios previstos dos IBP fronte aos seus danos, antes de recomendar ou prescribir estes medicamentos.”

Esta cuestión ten consecuencias sanitarias moi importantes. O uso deste tipo de medicamentos (máis elevado nos países “desenvolvidos”) pode estar influíndo en grande medida no decorrer da pandemia. Isto explicaría, en parte, por qué en moitos países “subdesenvolvidos” a pandemia non está afectando tanto, mesmo en lugares onde os sistemas sanitarios son moito máis precarios.

Pero hai outros medicamentos que poden estar complicando os casos de Covid. Como comenta Joan Ramon Laporte, “Os medicamentos máis destacados serían os antipsicóticos ou neurolépticos, como a risperidona, a olanzepina ou o haloperidol, que aumentan o risco de neumonía entre un 70 e un 300%. En Catalunya hai 64.000 persoas en residencias, das cales 20.000 toman estes medicamentos. Custa crer que haxa 20.000 persoas en residencias con episodios psicóticos, pero é que son medicamentos que se dan á lixeira: cando un paciente presenta ansiedade ou ten un pesadelo con berros a media noite, medícaselle.”

O artigo sobre os riscos que implica o omprazol na Covid xa ten 6 meses… Por que non se dan indicacións aos médicos de atención primaria para que moderen as prescripcións destes compostos ou busquen alternativas en persoas de risco? Por que non se fan advertencias á poboación xeral para reducir o seu autoconsumo? Ás autoridades sanitarias semella que isto non lles importa. Non van entrar a valorar o dano que pode estar facendo a sobremedicación á que está sometida a sociedade, porque non convén co seu modelo de negocio, nin de goberno. A única solución para eles é que nos vacinemos todas con produtos que amosaron unha mínima protección e sobre os que se ten moi pouca información das súas consecuencias no organismo, nomeadamente no propio sistema inmune. Todo o cal, como denuncia o doutor Juan Gérvas, está servindo para distraer e agochar as responsabilidades das administracións:

“O que vai facer a proposta da vacina só é que nos esquezamos da parte social. Con isto os gobernos xa non teñen que mellorar o sistema educativo público, non teñen que mellorar a saúde pública (que está polos chans), non teñen que mellorar a atención primaria, non teñen que mellorar a pobreza, non teñen que mellorar a habitabilidade, non teñen que mellorar as condicións dxs xornaleirxs, non teñen que mellorar a situación dxs inmigrantes que carecen de papeis, non teñen que implantar unha renda básica universal… o único que hai que facer é: a vacina. E a que xa hai.”

This entry was posted in Contrainfo e disidencia científica. Bookmark the permalink.